
O Concello de Boiro colabora co CD Galicia Bealo nunha nova edición da BTT Bealo Party, que terá lugar o domingo 1 de outubro. O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, participou esta mañá na presentación da proba xunto cos membros da directiva David Rodríguez e David Lorenzo.
A proba deportiva sairá ás 9.00 horas do campo de futbol da Lomba e consta de dous percorridos, un longo de 54 quilómetros cun desnivel de 1300 metros positivos e un curto de 35 quilómetros cun desnivel de 800 metros positivos. “É unha proba válida para calquera persoa que faga ciclismo xa que é moi sinxela, con boa parte de percorrido polo monte, e non competitiva”, afirmou David Rodríguez, presidente do club.
“Esta proba comezou como unha festa para recadar fondos para o club e cada ano vai a máis, participa xente non so de Boiro e a comarca senón doutros puntos de Galicia”, recoñeceu o secretario do club, David Lorenzo. A novena edición desta proba conta xa cunhas 70 persoas inscritas pero aínda están abertas as inscricións online ata este mércores e no propio día da proba de xeito presencial.
O concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, animou a todos os aficionados da bicicleta a participar nesta proba. “Cada vez son máis as entidades que se animan a facer actividades deportivas como esta que,
ademais de fomentar o deporte, pon en valor o noso turismo e o noso patrimonio ao transcorrer o percorrido polo Camiño A Orixe”, afirmou o concelleiro.



