Este venres 4 de agosto celebrouse a presentación do Circuíto Barbanza Arousa, 4 Carreiras 1 Meta.
Na presentación participaron o presidente da mancomunidade Barbanza Arousa, José Ramón Romero; Julián Bustelo, alcalde de Rianxo; Xavier Vidal Peón, concelleiro de deportes de Ribeira; Marcos Fajardo, concelleiro de Deportes de Boiro; e Eloy Sobrido, concelleiro de Deportes da Pobra do Caramiñal; así mesmo tamén participaron na presentación Ana Romero, responsábel da área de Deporte do Concello da Pobra do Caramiñal e Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade.

O Circuito de Carreiras Barbanza Arousa é un programa anual de carreiras que fomenta a práctica da actividade deportiva na natureza ao mesmo tempo que se coñecen os recursos e paisaxes do destino Barbanza Arousa. Está promovido e organizado de maneira colaborativa entre a Mancomunidade Barbanza Arousa e as concellerías de deportes de A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira.
O circuíto está composto por un total de 4 probas, iniciándose na Pobra do Caramiñal o día 27 de agosto, continuando en Ribeira o 30 de setembro e en Rianxo o 1 de novembro para rematar en Boiro o 3 de decembro.
Esta actividade inclúese dentro das estratexias da Mancomunidade de promover o turismo de natureza e activo e desestacionalizar a demanda, a través do que a entidade de municipios quere “demostrar que Barbanza Arousa é un destino para desfrutar durante todo o ano”, con recursos naturais e culturais de gran valor que son os, finalmente, servirán de escenario á devandita carreira, “de gran impacto paisaxístico”.
Neste circuíto poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, sexan ou non federadas no deporte do atletismo e sexa cal sexa a súa procedencia. As inscricións poden realizarse na web da mancomunidade www.barbanzarousa.gal a partir do vindeiro luns día 7 de agosto.
Os premios serán económicos e tamén incluirán experiencias turísticas no destino Barbanza Arousa, “co afán de dar a coñecer o territorio e continuar potenciando unha rede de prescriptores do mesmo”, indicaron os participantes na presentación.



