
Embarcacións pesqueiras, signo dunha época, o “Marina lll”
Con vivo interese está acollendo o público a exposición de maquetas que permanecerá exposta no salón principal do Liceo Marítimo de Ribeira ate o vindeiro 13 de agosto.
Ao abeiro do Espazo Cultural do Liceo ribeirán, esta segunda mostra de modelismo relacionada coa navegación, presenta pezas dun virtuosismo salientable, cuxa excelencia no detalle e elegancia nas formas, non adoita verse nun número tan alto de obras reunidas.
O seu comisaro desta volta, Manuel Sampedro, explica presencialmente os diversos aspectos polos que se interesa o público, que desfruta tamen do acompañamento audiovisual da sección das maquetas móbiles.
A mostra ten, ademáis, o obxectivo altruista do seu apoio á Asociación contra o cancro.

Fotografías cedidas. A recordada vaca de arrastre ribeirá “Río Zalduerreka”, en proceso de elaboración, presente na mostra
No espazo expositivo pódense ver decenas de maquetas de diferentes tipos de barcos con todo luxo de detalles, desde unha embarcación de salvamento a un transatlántico, pasando por veleiros, pesqueiros e ata un barco de aduanas e outro militar. Non faltan recreacións de navíos históricos e, mesmo, de faros, como o de Corrubedo e a Torre de Hércules.
A entrada á mostra é libre e poderá visitarse ata o domingo, ademais de colaborar coa Asociación Española Contra o Cancro con donativos.



