Ano 2012 eran ventos negros do norte, vendaval sen razón, ventos que arrasan, preto da praza de Abastos, o teólogo Torres Queiruga, non pensa en Aguiño, pensa no porqué.
A razón da sen razón.
Tras os cristais da súa xanela, mira ao mais alá, afastado, non comprende, garda silencio.
Talvez e só tal vez, lembre a escena de As sandalias do pescador, onde aquel comité de sabios xulgaban ao pai Telamón, e talvez, digo eu as razóns sexan as mesmas.
Un dos máis importantes e prestixiosos teólogos españois, o galego Andrés Torres Queiruga foi condenado polos bispos da comisión permanente, a través dunha nota da Comisión para La Doctrina de La Fe, que dirixe o bispo de Almería, Adolfo González-Montes. Sen xuízo previo e sen darlle oportunidade de defenderse, os prelados aseguran que os seus escritos teolóxicos “non se compadecen co que afirma a doutrina da Igrexa” e, ademais, “sementan inquietude entre os fieis”.
Torres cualificou a notificación, en declaracións a Religión Digital, de “non só inxusta, senón sobre todo teoloxicamente infundada e desviada”, ademais dunha “calumnia pública”, que supón un “duro golpe á credibilidade pública da fe”. Colectivos de teólogos e sacerdotes saíron en defensa do agraviado e os seus compañeiros defenderon que “se a teoloxía non ten liberdade non pode ter credibilidade na nosa sociedade”.
Ano 2023, ventos apracibles, entre vellas calexas, chegan ao fogar do teólogo, grata noticia, grata noticia despois de 11 anos de dor, de desamparo, o seu labor, o seu meritorio traballo é recoñecido.
Faltaba a rehabilitación oficial do episcopado. Acaba de chegar da man do actual arcebispo de Compostela, Francisco José Prieto, que tamén é teólogo biblista. O novo arcebispo compostelán auspiciou que a diocese convidase oficialmente ao teólogo galego a dar unha conferencia e participar nunha mesa redonda nas XXII Xornadas de Teoloxía, organizadas polo Instituto Teolóxico Compostelán, que dirixe o profesor José Antonio Castro Lodeiro.




