
Foi un adeus largacío, deses que fan que aquel ou aqueles que o protagonizan, moitas veces nin sequera se decatan de que están a perder moito do seu ser. E o de Joseba Beobide Arburua, que foi director do Apostolado do Mar e capelán do porto de Bilbao, é un dos casos: foise co vento, riba das ondas de Terranova.
O Padre Joseba, como foi coñecido sempre no eido pesqueiro e, nomeadamante, o bacalloeiro, deu definitivamente a despedida á súa vida de 86 anos, o martes, 15 de agosto, festa da Nosa Señora, día do cumpreanos de Joseba e aniversario da súa ordenación como sacerdote.
Durante máis de vinte anos, Joseba Beobide traballou como capelán coa frota bacalloeira de Saint Pierre e Saint John’s e é coautor xunto á ribeirana Rosa García-Orellán, do libro “Hombres de Terranova. La pesca del bacalao, 1926-2004” que conservo coma un tesouro porque o é, certamente, para cantos vivimos o mar e o traballo neste como o máis prezado.
Con data do 17 de marzo de 2005, Beobide adicábame ese traballo impagable: “A nuestro amigo y gran defensor de la “xente” de mar con sus programas de Radio Exterior (ya no sé qué más puedo añadir sin soltar un “rollo”) de quien mucho le aprecia. Joseba Beobide”. Eran tempos nos que, en boa medida grazas a AETINAPE (Asociación Española de Titulados Náutico Pesqueros) que contribuiu directamente a me introducir no sector para poder informar do mesmo a través de programa “Españoles en la Mar” (Radio Exterior de España) e “Campo y Mar” e “Mar adentro” (Radio 5 Todo Noticias), que mantiña un contacto permanente coa problemática pesqueira, da que formaba parte inalienable Joseba Beobide, o home, o amigo e o sacerdote de cantos -crentes ou non- “cando as frotas españolas faenaban preto da illa de Terranova e o porto de Saitn John’s era o punto de contacto de numerosos pescadores especialmente bascos e galegos”, dí AETINAPE nun obituario adicado á memoria de Beobide, “sempre estaba alí”.
Joseba era a persoa máis importante daquel lugar “para os nosos pescadores -certifica AETINAPE- xa que a súa empatía e o seu compromiso social xerábanlle unha enorme simpatía entre os tripulantes, aos que axudaba de forma desinteresada en calquera xestión ou necesidade”.
Precisamente a asociación de titulados náutico-pesqueiros tributou en Bilbao unha homenaxe a Joseba Beobide. Foi no ano 2013, coa participación de numerosas persoas que o coñeceran na súa misión pastoral e solidaria, do mesmo xeito que aconteceu recentemente no pobo de Escarabote (Boiro), onde foi descuberta unha placa que da o nome de Beovide a unha rúa local de porque, como o propio antigo capelán dicía, “ninguén morre mentres alguén o lembre”. Por todo elo, e como ben sinala AETINAPE, “o padre Joseba sempre vivirá
entre nós”.



