
O importante para o staff da Real Federación Española de Fútbol é que a selección nacional de fútbol feminino é a campioa do mundo. O de menos é que Luis Rubiales, presidente desa Federación, bicara na boca en pleno éxtase post-partido Inglaterra-España á futbolista Jennifer Hermoso sen contar co consentimento previo da xogadora. As persoas (¿?) que rodean a Rubiales na Federación coidan que o presidente desta xa dou as explicacións oportunas e, polo tanto, no haberá ningunha outra medida “a posteriori”. O propio Luis Rubiales xa dixo que non vai demitir, malia que nada menos que o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, afirmou que o de Rubiales foi “un xesto inaceptable” e que as desculpas “non eran dabondo”. Rubiales, polo tanto, non pensa agora mesmo na súa renuncia ao cargo e o correspondente salario e, polo tanto, non baralla a demisión.
Na celebración posterior á declaración de España como campioa mundial de fútbol feminino foi tal a vehemencia de Rubiales, que este non debeu reparar en que Jennifer Hermoso era unha deportista á que o mundo enteiro premiaba e recoñecía e non precisaba do seu bico na boca para certificar ese feito .
Quen se crerá que é Luis Rubiales, protagonista mundial dun acto nunca visto nun estadio de fútbol e no decurso dun acto no que as protagonistas eran as xogadoras do equipo nacional de fútbol feminino de España?. Talvez a figura principal do equipo?. Que diría Rubiales se fose unha filla súa a que se vira no mesmo trance?.
Que pouca lacha, diría calquera nai, impotente, amáis, ante tanto pedante que entende que “non foi para tanto”.
Non hai motivo dabondo para a demisión ou cese do presidente da RFEF?.



