O Grupo de investigación internacional Orca Atlántica (GTOA) foi quen de identificar os dous exemplares de candorcas que entraron estes días na ría de Arousa. Trátase dos exemplares Gael e Prior. As candorcas foron localizadas este domingo día 20 de agosto nas inmediacións da illa de Sálvora polas persoas que participaban nunha actividade de Observación de Aves a bordo do barco Chasula. Dende o GTOA confirmaron que os dous exemplares de candorca dirixíronse cara o interior da ría pola súa cara norte, moi próximos á costa, estando na zona do Touro (Ribeira) a menos de 200 m da liña da marea e saíndo a última hora da tarde polas inmediacións do illote de Noro, á altura de Aguiño.

Dende o Chasula deuse aviso a Salvamento Marítimo que mobilizou embarcacións de Garda Civil, Cruz Vermella e Club Náutico de Ribeira para facer o seguimento oportuno. Dende estas entidades alertouse ás embarcacións da zona e custodiaron que ninguén se achegara aos exemplares localizados. Tamén informaron puntualmente a Salvamento Marítimo e á CEMMA da evolución dos cetáceos. A última hora da tarde un barco do IEO-CSIC comprobou a súa saída da ría.
Foi, en palabras da coordinadora CEMMA, “un operativo posto en marcha de xeito improvisado pero que deu os seus resultados evitando molestias ás candorcas e sen consecuencias do seu paso por Arousa”.

Quen son?
O Grupo de Investigación Internacional Orca Atlántica -GTOA- ten un catálogo de FotoID composto de 35 exemplares da subpoboación Ibérica. Trátase do exemplar macho Gael e do exemplar Prior. Ambos son irmáns. O primeiro é un macho adolescente de dez anos e o segundo é unha candorca xuvenil de seis anos, e non se sabe con seguridade se é macho ou femia.
Non foron observados nunca interaccionando cos barcos pesqueiros ou veleiros, é dicir, non son Gladis nin os exemplares responsábeis da interacción co veleiro francés Nipozo. “O seu carácter”, engade a coordinadora galega CEMMA, “é moi tranquilo e pacífico, como puideron comprobar os afortunados observadores que tiveron o enorme pracer de poder velos”. Este ano foran observados nas augas do estreito de Gibraltar e Gael entrou a principio de ano na costa marroquí cunha tanza e un anzol cravado nun costado.
Estas candorcas pertencen a unha pequena comunidade denominada polo Grupo de Investigación Internacional Orca Atlántica -GTOA- como Comunidade E, composta por catro exemplares que neste momento non son observados xuntos.

Seguimento remoto
O Grupo de Investigación Internacional Orca Atlántica -GTOA está rexistrando os encontros coas candorcas dende 2020, entrevistando aos navegantes e facendo pública a información. Esta información podemos consultala nunha web con mapas de risco (https://www.orcaiberica.org/en) e unha aplicación para telefonía móbil para que se poidan transferir datos de observación e interacción (GT Orcas).
Fotos catálogo. GTOA/Pablo Covelo.
Foto candorcas: Pablo Covelo/CEMMA



