
Tiven a sorte, en Ribeira, de contar cun amigo sancristán que, máis que repicar (el dicía “repinicar”) as campás da igrexa parroquial, facía que estas “cantaran” e “bailaran” ao compás que el marcara. O son que delas “extraía” era como se interpretara ao piano unha obra de Chopin: son de festa, coas campás -a grande e a pequena- prácticamente quedas e o badalo da grande interpretando coa man dereita unha partitura non escrita e, na esquerda, o badalo pequeno facendo de xílgaro en contracanto. Máis cando de loito se trataba, as campás de Alvino transmitían unha tristura tal que no illote de Guidoiros choraba a seca area de Areoso, que é o que agora mesmo está a pasar nas bancadas de Balaídos -e entre os siareiros do Celta- pola máis que segura marcha de Santi Mina -condenado por abuso sexual- ao club saudí Al Shabab onde, probablemente, marcará goles sen que os siareiros saudís remarquen os mesmos aos sons da “Rianxeira”.
É máis que probable que alguén se pregunte por que Santi Mina fai as maletas para se ir a Arabia Saudí cando, seguramente, serían moitos os clubes que, en España, abrirían as portas a este futbolista que dou tardes e noites de groria a un Celta que estes días celebra o centenario da súa fundación. E a resposta é ben sinxela: o carto, manda. Os petrodólares teñen máis poder ca unha sentenza xudicial e o amor a un escudo (por máis ca este sexa a Cruz de Santiago, baixo a que o apóstolo axudou na batalla de Clavijo ao rei Ramiro I de Asturias a lle dar unha somanta aos musulmáns, en plena Reconquista). O escudo, o uniforme, no teñen valor diante dunha conta bancaria con tantos ceros como nunca o xa case que ex-xogador do Celta soñara. E é que nos países árabes ben nutridos de pozos petrolíferos están a facer agora o que antes fixeron no fútbol italiano, no español, no inglés, no alemán. etc., valeirando os vestiarios de equipos brasileiros, arxentinos, peruanos, mexicanos, uruguaios, etc. ao tempo que esquilmaban os de centro Europa e a antiga URSS, coa diferencia evidente de que en España se pagaba en pesetas e nos países árabes imponse o petrodólar (antes regalaban cabalos, luxosas vilas e embarcacións) e hoxe en día fan equipos de fútbol a golpe de chequeira.
Se vivira Alvino, tocaría un “rap” desde o alto do campanario.



