
O sector pesqueiro e acuícola debe avanzar na descarbonización para evitar a súa dependencia de combustibles fósiles e acadar ser máis sostibles e competitivos. Esta transición enerxética é un dos aspectos clave na Axenda da Presidencia española da UE e un eixe fundamental do Consello Informal de Pesca celebrado entre o luns e o martes desta semana en Vigo, no que se abordou a necesidade de que tal proceso teña presente a sostibilidade e viabilidade económica do sector pesqueiro e a acuicultura.
Galicia asume o compromiso da descarbonización da frota pesqueira sempre que esta se faga de xeito equilibrado, xusto e asumible para o sector marítimo-pesqueiro. Polo tanto, pode dicirse que a Comunidade Autónoma galega, se ben apoia a proposta, pon condicións a esa formulación descarbonizadora no ben entendido da defensa da necesidade de fuxir de medidas en exceso medioambientalistas na xestión pesqueira, e que se teña en conta ás rexións na toma de decisións, caso evidente de Galicia como primeira rexión pesqueira de Europa.
Por outra banda, o presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, coñeceu este martes en Vigo a preocupación de Galicia ante a forte deriva medioambientalista da Comisión Europea que se reflicte en restricións á actividade pesqueira como o veto á pesca de fondo decretada o pasado ano en 87 zonas de augas comunitarias e os seus plans para restrinxir aínda máis a pesca de arrastre.
Foi o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, quen lle trasladou esta inquedanza e quen defendeu a necesidade de que Bruxelas teña en conta a realidade das rexións pesqueiras á hora de lexislar e de tomar decisións que afecten á actividade da frota baseándose en estudos serios e rigorosos.
Na reunión celebrada o martes pola tarde co responsable da Comisión de Pesca da Eurocámara, Alfonso Villares fixo fincapé nestes asuntos, cadrando coa Xuntanza Informal de Ministros de Pesca da UE para debater sobre a descarbonización dos buques de pesca.
En relación con normativas como a prohibición da pesca de fondo, o conselleiro lamentou a falta de avaliacións rigorosas sobre o seu impacto e transmitiu ao presidente da Comisión de pesca da UE que a Xunta vai seguir a defender os intereses da frota a todos os niveis para garantir o futuro da actividade pesqueira. Proba delo é o recurso presentado pola Organización de Produtores Pesqueiros de Burela contra o vento á pesca de fondo no que a Xunta de Galicia foi admitida recentemente como parte coadxuvante polo Tribunal Xeral da Unión Europea.
A Administración galega traballará tamén para frear as pretensións de Bruxelas coas restruicións á pesca de arrastre que recolle o Plan de Acción sobre os fondos mariños, no que Galicia pide á Comisión Europea que escoite ao sector e aos Estados membros para tomar decisións que atendan ao equilibrio entre os aspectos medioambientais e socioeconómicos, o mesmo que noutras cuestións como a Lei de Restauración da Natureza que está en tramitación e que na súa redacción actual levarfá a ujnha menor produción de alimentos en Europa elevando máis os seus prezos. Neste ámbito, a comunidade galega agarda que as distintas autoridades españolas e europeas realicen as xestións oportunas para que se rfeformule a proposta e se garanta a seguridade alimentaria e o futuro do sector primario.



