
Fotos: Juan Caballero
O numeral 21 foi o elixido polo Comité da Regata Congalsa para asegurar a proba, nunha xornada complicada de vento que facía perigar a celebración da mesma.
Das 21 posibles eleccións nos trazados da cita velística organizada polo Club Náutico e Deportivo de Riveira, o último dos deseñados para a Regata Congalsa foi determinante para poder finalizar a manga, unha costeira de 13,44 millas para os Regata e Cruceiro/Regata e dunha milla menos para os Cruceiro.
Nas dúas primeiras clases, tras a saída e a boia de desmarque poñíase rumbo cara a Sinal do Castro, que se tomaba por Babor, de aí á Boia dos Esqueiros, tamén por Babor; Isla de Rúa, por Babor; Ter, por Babor; Baixo Maño, por Estribor; novamente Isla de Rúa, por Estribor; Baixo de Camouco, por Estribor e Chegada.
Os Cruceiro facían o desmarque, con Sinal do Castro, por Babor; Isla de Rúa, por Babor; Baixo Ter, por Babor; Baixo Maño, por Estribor; Isla de Rúa, por Estribor; Baixo Camouco, por Estribor e Chegada.
Cunha compoñente que se mantivo franca en dirección, do 200, é dicir, suroeste, cuxa preocupación era a intensidade, xa que iría a menos, pasouse de 10-12 nós na saída á metade xa na chegada.
Con todo, a regata foi rápida, empregando o Chispetrén dúas horas e dezasete minutos. O veleiro de Jesús Iglesias, do Club Náutico Arousa Norte gañaba tamén a súa División dos Regata por segundo ano
consecutivo. Seguiulle no podio o Moucho, de Daniel Ayaso, do club anfitrión de Riveira, sendo terceiro o Narval, de José Antonio Portas, do Club Náutico de Vilagarcía.
Nos Cruceiro/Regata o vencedor foi o Cámping Ría de Arousa, de José Manuel Pombar, do Club Náutico Arousa Norte. Segundo o Ziralla Primeiro, de Ramón Barreiro, do Ro Yacht Club, coa terceira praza para
o Piko Norte, de José Manuel Castro, do Club Náutico Boiro.
Respecto a os Cruceiro, o primeiro posto era para o Orlando, de Gerardo Sánchez-Brunete, do Club Náutico Arousa Norte. Seguíalle no segundo banzo o Arousa VI, de José Luís Torres Colomer, do Club
Náutico Deportivo de Riveira, co bronce para o Galopín, de Manuel Franco, tamén de Riveira.
A entrega de premios estivo presidida por José Luís Torres Colomer, presidente da entidade social e deportiva de Riveira, acompañado de Isabel Canas, Responsable de Relacións Externas de Congalsa;
o Capitán Marítimo de Vilagarcía, Juan Andrés Pérez; a presidenta de Cruz Vermella en Riveira, Ángeles Cores; a presidenta da Asociación de Amas de Casa da localidade, Puri Cores; e os membros da Xunta Directiva do Náutico José Luís Lomba, Xusto Arevalillo, José Díaz, Ramón Doval e Francisco Campos.

Fotos: Juan Caballero



