
O Concello de Ribeira informa de que acaban de principiar as obras de ampliación do Complexo Deportivo de A Fieiteira a través da construción dun Módulo Cuberto de Atletismo.
Antonte luns tivo lugar a preceptiva acta de replanteo e onte se comezaron a instalar as valas delimitadoras da zona onde se realizará a intervención: actuación que recaeu na empresa Ogmios Proyecto, S.L., (había 7 ofertas presentadas) por un importe de 2.274.800 euros cun prazo de execución de 12 meses.
A intención desta obra, que está cofinanciada pola Secretaría Xeral para o Deporte e o Concello de Ribeira, radica en construir un pavillón que albergará unha zona de adestramento cuberta para atletismo mediante un módulo que conta con pista de 5 rúas, zona de saltos, lanzamentos; espazos para ximnasio, sala de musculación e actividades de tecnificación para a práctica do taekwondo; construción de novos vestiarios, aseos e duchas e o seu equipamento; ademais das reformas de accesibilidade e acceso ao primeiro andar.




