Arrincan as Festas de Boiro co tecido cultural como gran protagonista

01 Xullo 2023


O Concello de Boiro deu comezo este venres 30 de xuño ás Festas do Verán 2023. Fíxoo co pregón inaugural a cargo do tecido cultural boirense. A festa continuou pola noite co concerto de Familia Caamagno, a actuación da orquestra La Principal e a Remember Fest de Peñas Boiro AC.

Ás 20.00 horas deu comezo o programa de actividades coa charanga TNT que percorreu as rúas do centro de Boiro e foi ás 22.00 horas na Praza de Galicia cando se deu comezo de maneira oficial aos festexos co pregón inaugural. A xornalista e reporteira da TVG, Noelia Rey, foi a encargada de presentar ao tecido cultural boirense que compartiu as súas experiencias e impresións de seren nomeados Raíñas das Festas.

Falou Gus Romero dos seus inicios na Escola de Música de Boiro e do que iso supuxo no seu futuro profesional como mestre de música; Sonia Lebedinsky é boirense de adopción e resaltou a importancia da cultura que fai a propia xente en Boiro; tamén Sabela King falou da importancia da educación e a cultura dende os máis novos.

Do ámbito da escrita, interviñeron Mila Torrado e Fran López Cierto que acaban de publicar xuntos un libro, e falaron tamén Marta Rios, actriz formada dende a base, dende a propia escola en Boiro; Sara Hermo, profesional do audiovisual formada na escola de cinema Olloboi e Adriana C. Tarela, adicada á produción cultural.

No acto tamén se puxo o foco na condición de “república creativa” da que fai gala Boiro e nese sentido falou a concelleira de Cultura, María Outeiral, que fixo alusión á importancia de destacar “o traballo que fai toda a xente que en Boiro se dedica á cultura, e non so de maneira profesional, senón esa xente que o seu tempo libre o dedica ás asociacións e entidades culturais como son os grupos de baile ou de música tradicional que temos no noso concello”.

Finalizou o acto o alcalde José Ramón Romero, destacando o gran potencial que ten Boiro en moitos ámbitos e tamén na cultura porque “a cultura xera emprego, xera economía, xera dinamismo social e xera sociedades mellores”. O alcalde fixo especial mención a todas esas persoa que se dedican á cultura xa que “se necesita un gran equipo humano para organizar unhas festas como as que hoxe comezan”.

Máis de 40 representantes do tecido cultural boirense recibiron a súa banda identificativa e un coche descapotábel serviu de photocall das raíñas das festas. Ás 23.00 horas comezaba a súa actuación a orquestra La Principal na praza de Galicia á vez que Familia Caamagno na Praza do Centro Social e DJ Places, DJ Xacobo, DJ Neil e Marcos Magán poñían o broche á noite do venres coa Remember Fest de Peñas Boiro AC no parque da Cachada.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...