Regresa o Festival Tahume entre Folclores na súa sexta edición, que traerá este sábado 1 de xullo á praza do Concello a tres grupos de Galicia e do País Vasco.
A concelleira de Cultura, María Sampedro, e máis Manoli Ayaso e Alberto Millán, presidente e vicepresidente do grupo Tahume, deron a coñecer o cartel da actuación, que dará comezo ás 20 horas e estará formada polo Centro Cultural A Ponte Vella de Reis (Teo), o Grupo de Danzas Vasvasx Alegría Dulantzi e, como non, o propio Grupo de Baile e Música Tradicional Tahume.

Homenaxe
Ademais da actuación, no transcurso do evento farase un homenaxe a Juan de Martis, histórico bailador da parroquia de Olveira xa falecido, coa previsión de que asistan algúns dos seus familiares.
Tanto María Sampedro como Ayaso e Millán convidaron á veciñanza a acudir á praza consistorial para desfrutar da música e o baile tradicional.




