O Concello de Noia, a través da Concellería de Parques e Xardíns que dirixe a edil en funcións Ana García, deu continuidade estes días de xuño aos traballos de limpeza, xardinaría, roza e acondicionamento de marxes de estradas e espazos singulares, poñendo o foco tamén no mantemento das contornas axardinadas e ornamentadas, repoñendo os elementos deteriorados.

Estes traballos prolongan os levados a cabo no mes de maio, cando se procedeu á posta a punto de Testal, praza das Angustias, Obre, Boa, Paseo Marítimo, Ousoño, Bergondo, Castro Lampreiro e Orro.

Durante estes días tamén se realizaron tarefas para a erradicación do picudo, co fin de protexer as palmeiras da Alameda de Noia e doutras zonas do concello a salvo deste parasito.



