A Asociación Cultural Barbantia, Medulia Editorial, a Asociación de Veciños de Cespón e o Concello de Boiro presentaron este venres a primeira tradución ao galego dos Contos da Illa de Man de Sophia Morrison. A cita celebrouse no Centro Social de Cespón (Boiro) e nela interviñeron María Xesús Blanco, presidenta de Barbantia, Dores Torrado Ares, concelleira de Lingua e Milagros Torrado Cespón, tradutora. Contouse tamén, na vertente musical, coa actuación do Grupo Abeloura. A presentación tivo unha vertente solidaria, xa que foi acordado destinar un euro da venda de cada libro a Callejeros Barbanza. Colaboraron Cultura da Deputación da Coruña e Culture Vannin.

No acto púxose o foco nas analoxías entre a cultura de Man (illa de raizame celta situada en Inglaterra e Irlanda) e Galicia, con lendas comúns coma a da Santa Compaña, ou o mito das cidades asulagadas (que nos retrotrae ao caso de Valverde, sepultada pola area das dunas de Corrubedo e as augas da lagoa de Carregal).
Milagros Torrado é tradutora e profesora de inglés e comunicación intercultural na Universidade da Rioxa.

Segundo fixo saber, a colección de relatos sobre a Illa de Man foi publicada orixinalmente en inglés alá polo 1911 da man de Sophia Morrison, que se preocupou de recollelos antes de que desaparecesen do imaxinario popular e mentres as verbas en manx (lingua propia de Man) aínda os enriquecían. Tempo despois, no ano 2013, Bob Carswell fixo unha reedición en engadiu outros contos que non estaban na primeira versión.
“Ese libro ilustrado por Julia Ashby, é unha pequena obra de arte”, sinalaron nos días previas á presentación dende a editorial Medulia, subliñando o seu afán de manter viva a cultura da illa. Inclúe a gravación de quince das historias alí escritas onde se aprecia con claridade o sabor que o inglés foi adquirindo nesa terra.



