A Deputación da Coruña vai destinar 900.000 euros a 41 concellos da provincia ao abeiro do programa de limpeza de praias 2023, cuxo obxectivo é apoiar aos municipios do litoral no sostemento dos gastos de contratación do persoal das brigadas que se encargarán da posta a punto dos areais, así como da adquisición do material necesario, coma o vestiario ou o combustíbel. O programa, xunto co de socorristas en piscinas municipais e praias fluviais, supón cada ano a contratación de preto de 300 persoas. O orzamento para o Barbanza e a súa contorna supera os 200.000 euros e beneficia a todos os concellos con costa.
En concreto, inclúense como entidades beneficiarias o Concello da Pobra (con 23.025,60 euros), o de Boiro (con 25.849,91 €), o de Carnota (con 29.632,83 €), o de Muros (25.219, 43 €), o de Noia (con 19.444,52 €), o de Outes (con 6.768,00 €), o de Porto do Son (con 29.948,07 €), o de Rianxo (con 22.382,24 €) e o de Ribeira (con 28.056,61 €).

A subvención para a creación destas brigadas de limpeza ten unha duración máxima de tres meses, que deberán estar comprendidos entre o 1 de abril e o 31 de outubro de 2023. O importe máximo que se concedeu ascende a 31.524 (Ferrol e Carballo) euros e o mínimo a 6.768 euros (Outes, Neda e Corcubión)
A Deputación aplica criterios obxectivos para a baremación das solicitudes, en función da superficie total das praias existentes en cada termo municipal, segundo os datos facilitados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e a poboación oficial do concello, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística.



