O alumnado participante no Obradoiro de Emprego en Xestión Forestal Torre Goiáns II – Boiro impulsado polo Concello comezou os traballos de saneamento da masa forestal na contorna do Centro Arqueolóxico de Neixón. Os labores forman parte da programación didáctica do curso que contempla teoría e práctica e que ten unha duración de 12 meses.

As tarefas que se están a realizar son de roza e poda para o acondicionamento da contorna deste espazo natural do municipio. O alumnado realiza a formación práctica do programa en diversas zonas como son a finca do Pazo de Goiáns, o transcurso do Camiño A Orixe, o Monte do Sino ou Monte Peón para o acondicionamento dos espazos forestais.
O Obradoiro de Emprego en xestión forestal Torre Goiáns II – Boiro conta co financiamento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e nel participan 20 alumnos e alumnas divididos nas modalidade de Aproveitamentos forestais e Repoboación forestais e tratamentos silvícolas.



