O Concello de Noia vén de sacar a licitación as obras de renovación do pavimento existente na rúa Igrexa, na parroquia de Santa Cristina de Barro. Unhas obras orzamentadas en 57.642,44 euros e cun prazo de execución máximo de 3 meses. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 1 de xuño na alcaldía do Concello de Noia.

O alcalde, Santiago Freire, explica que esta actuación ten como obxectivo “mellorar o estado actual dunha das rúas máis importantes de Barro, pois dispón de acceso dende a AC-550 e desde a estrada da Deputación que percorre a parroquia, ao tempo que aproveitaremos para rozar e limpar a vexetación existente no borde das beirarrúas, sobre todo na zona onde están os contedores de recollida do lixo”. De feito, nesta rúa está emprazada unha gran área comercial, “o que supón que soporte un tráfico notábel durante todo o día, tanto peonil como rodado”, engadiu o rexedor.

As obras consistirán no asfaltado da rúa Igrexa con 6 centímetros de asfalto realizado con mestura bituminosa en quente, sobre o que se realizará o correspondente pintado viario. A maiores, aproveitarase para rozar e limpar a zona da vexetación existente no borde das beirarrúas e na zona dos contedores do lixo, onde se cambiará a base de saburra compactada por outra de pavimento continuo para evitar que medre a vexetación.



