
A Marea Cidadá de Noia aspira a liderar un goberno centrado na recuperación económica e na ampliación de servizos públicos para asegurar o asentamento de poboación. De acordo ca formación liderada por Manolo Seijas, “trátase de facer un Concello que se preocupe pola realidade dos veciños e das veciñas, que facilite a vida e que funcione como un atractivo para a recuperación da poboación en Noia”.
“Para isto, promoveremos tamén a rehabilitación de vivenda ruinosa para o alugueiro” – engadiu Seijas.
Nesta liña, a Marea Cidadá incidiu na necesidade urxente de crear unha Escola Infantil Pública, un Centro de Día e un programa de conciliación anual, propostas que defendeu a número tres da formación Paula Enríquez, quen asegurou que Noia “é dos poucos Concellos de máis de 10.000 habitantes que non contan cuns servizos tan básicos”.
Entre outras propostas de ampliación de servizos, destacan a creación dun Servizo de Psicoloxía Municipal, a municipalización do Servizo de Atención no Fogar ou a creación dunha Casa da Mocidade, que ofreza alternativas de lecer e formación para os máis novos. Enríquez encargouse tamén de defender a creación dun novo depósito da auga que de solución aos problemas de subministro.
Manolo Seijas encargouse, pola súa banda, de defender as propostas en materia de promoción económica e de defensa da economía local, destacando a necesidade de ampliar o chan industrial de Noia, así como a creación da Oficina de Desenvolvemento Local para a asesoría das empresas e para a dinamización do comercio, da hostalaría ou da praza de abastos.
“Para nós, é vital tamén asegurar que o vindeiro goberno de Noia se opón con firmeza ás verteduras da Mina de San Finx”- afirmou o candidato da formación.



