
É comprensible a desazón e mesmo a presa dos familiares das 21 vítimas do naufraxio en augas de Terranova (San Xoan) do arrastreiro marinense Villa de Pitanxo. Mais tamén hai que entender esa certa lentitude no proceso xudicial que corresponde á Audiencia Nacional onde, de certo, nunca houbo presas para lle dar solución e calquera cuestión xudicial porque, por norma, a xustiza española é lenta. Ás veces, desesperadamente lenta. Tamén, case que sempre, segura. Como se espera aconteza tamén no caso do naufraxio, o 15 de febreiro de 2022, do pesqueiro de Marín.
Os tempos para que os especialistas baixen un rov ao pecio fíxaos a Audiencia Nacional porque, ao fin e ao cabo, estamos a falar dun proceso penal no que pode xogar un papel preponderante canto se poda estraer das imaxes que o rov poda transmitir á superficie unha vez localizados os restos do buque arrastreiro afundido vai quince meses e en cuxo interior, supostamente, estarán os restos de 21 dos seus 24 tripulantes.
O delegado do Goberno en Galicia, que se reuníu este martes coas familias dos mariñeiros e os seus representantes legais, garantiu a colaboración do Executivo (coa que de feito se contaba), se ben nada confirmou no que atinxe á data na que o buque da compañía ACSM zarpará do porto de Vigo cara a San Xoan de Terranova. Falóuse días atrás da posibilidade de que na fin de semana ou nos primeiros días da vindeira, se puxera en marcha todo o equipo de busca xa estibado nun buque especializado neste tipo de misións, a bordo do que dous rov agardan o momento de descender para, primeiro, iniciar a busca do pecio do Villa de Pintanxo e, posteriormente, levar a cabo o rastrexo do pesqueiro e a súa contorna. As imaxes que se capten poden determinar en boa medida que foi o que aconteceu aquela mencida de febreiro de 2022 . Mentres tanto o proceso xudicial -en paralelo á investigación que sigue a CIAIM- vai marcando os acontecementos nas figuras do capitán do Villa de Pintanxo e do armador.



