
Semella que no Goberno galego quedan parte dos moitos medos que a ditadura franquista padeceu á liberdade de información. Só así se pode explicar o férreo control que a Xunta de Galicia tenta aplicar á información que garde relación cos incendios forestais.
E non é que un -raposo vello neste eido- vexa as que me parecen evidentes mostras de control deste tipo de información: tamén o Anteproxecto de Lei de Loita integral contra os incendios forestais en Galicia, deseñado pola Consellería de Medio Rural e que está en trámite desde o 20 do pasado mes de abril, inza o “corpus” do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) dun sarabullo que proe a cantos levamos no entrecosto a experiencia das denuncias e o paso polo Tribunal de Orde Pública (TOP) do franquismo cando constatamos que no devandito Anteproxecto se estabelece a prohibición “para calquera persoa ou entidade pública ou privada a creación ou difusión de feitos e datos falsos en relación cos incendios forestais por calquera medio, incluídas as redes sociais”.
Esta prohibición, que o CPXG considera “totalmente inaxeitada” na súa redacción, conduce a este -como digo, can vello nos vieiros do xornalismo- a tempos nos que o franquismo poñía a venda denantes que se producira a ferida conducíndote ao TOP pola vía rápida, Porque non é un intento de limitar o dereito á liberdade de información que consagra o artigo 20 da Constitución Española?, non é a paternalista “recomendación” de non dicir o que o “pai” Estado ou Goberno coida debe ser “a verdade” (a súa verdade) dos feitos?. De non ser así, que pode significar para a Xunta “feitos e datos falsos”, non están a dar por feito que o que se informa é falso pola mera circunstancia de que non cadra co que eles, a Xunta, coida debe dicirse?.
O Colexio de Xornalistas de Galicia deixa nídiamente claro que “a indefinición do que sexa susceptible de considerarse como “feitos e datos falsos” e o abandono do concepto de veracidade utilizado pola Carta Magna e que pon o foco na profesionalidade coa que se realiza a información, semella apuntar implicitamente aos datos oficiais da administración que non deixa tamén de ser unha fonte interesada”.
Engade o CPXG que “calquera tentativa de limitar a posibilidade de expresión ou de transmisión de datos só pode redundar nun gravísimo deterioro do dereito da cidadanía a ser informada, intolerábel nun estado democrático”.
Haberá medo á información veraz, libre, en San Caetano?. Teremos que integrarnos todos, de vez, nos “Venres Negros” dos traballadores da TVG?.



