Nunha concorrida cita na Estación Leña Verde de Boiro, Dores Torrado presentou a proposta para os vindeiros catro anos do partido que lidera, Boiro Novo. Acompañouna o divulgador Rogelio Santos Queiruga, que destacou o labor de Torrado como a dunha “auténtica matriarca, desas que está en todo e arroupa aos demais e por quererlle moito a Boiro”.

Boiro Novo preséntase a estas eleccións con azos renovados e, en palabras de Torrado, “a ilusión de quen sabe que se pode conseguir o mellor para a cidadanía con traballo duro”. Torrado destacou os grandes fitos deste ano e medio no que tivo a oportunidade de formar parte do Goberno boirense, poñendo o foco na área de deportes (falou da apertura e homologación da piscina, a duplicación do apoio económico ao deporte base, a restauración do edificio das Colonias para usos deportivos e a ampliación e renovación do carril bici).
Tamén repasou o traballo que se fixo en normalización lingüística, muller e en memoria histórica, ámbitos que incluíron a praza da Memoria, a homenaxe ás mulleres do téxtil e a lembranza a Ramón Martínez López.

Boiro Novo afronta esta novas eleccións “coa seguridade de quen fai as cousas para ben de todos e con proxectos para enriquecer a vida dos boirenses”. Torrado foi firme no seu apoio ao sector bateeiro e marisqueiro e no seu rexeitamento á manipulación que o actual Goberno da Xunta promove para “dominar Boiro usando a residencia para 3ª idade como ameaza”, dixo, destacando tamén a rehabilitación que se fará do parque da Cachada, substituíndo a fonte abandonada por un parque de auga.
Adiantou tamén que Boiro Novo “traballará por mellores oportunidades educativas no concello, con máis oferta na formación profesional e a apertura dunha sección da Escola de Idiomas”. Sen dúbida, engadiu, “esta será a lexislatura que lles dará protagonismo ás parroquias e ás zonas máis rurais do concello, mellorando o acceso aos servizos da administración local, as telecomunicacións e levando a cabo medidas de protección agrogandeiras”.
Dores Torrado tivo palabras para enxalzar a preparación do seu equipo para esta vindeira lexislatura, con xente involucrada no labor social e educativo do concello, como Elena García, ou a súa man dereita, Xurxo Triñanes, bombeiro forestal que aposta pola sostibilidade medioambiental e o valor do mar e monte.

Boiro Novo presenta unha lista con persoas activas na vida boirense, que “sempre traballaron para levar o nome do noso concello máis aló das nosas fronteiras, con representación no mundo do deporte como a remeira Laura Davila e a nai de deportistas Raquel Sevares ou no ámbito da ensinanza e a cultura, como o mestre Javier Míguez e doutora Milagros Torrado”, dixo, engadindo que se trata “dunha lista con xente nova disposta a mellorar o futuro das vindeiras xeracións da man de Óscar Rodríguez, Néstor Núñez ou María Gómez e Manuel Núñez, imprescindíbeis do lecer nocturno boirense”.
Trátase, sinalou, “dunha candidatura que aposta pola seriedade e a posta en valor das parroquias, con Cristina Abeijón, Marian Noal, Ramón Iglesias e Eladio Mariño”. Esta candidatura, apuntou, “inclúe tamén ao coñecido Paco Otero, que encheu as noites de festa boirenses durante anos e a Xosé Manuel, O Rato, un imprescindíbel de Boiro Novo dende a súa creación”.



