
O salón de plenos foi escenario esta mañá dunha recepción oficial a José Cardalda Novo con ocasión da concesión por parte da federación española do cinturón negro 7º Dan de kárate kempo.
Nun acto presidido polo alcalde Manuel Ruiz e con presenza de distintos grupos municipais, salientouse a súa traxectoria e a súa aportación cara a divulgación desta disciplina na comarca barbanzana a través dunha escola pola que pasaron máis de 3.500 alumnos. Ademais, fíxoselle entrega do obsequio institucional consistente na réplica en cerámica de Sargadelos do Faro de Corrubedo e un simbólico cinturón negro.
Pola súa parte, Cardalda tivo palabras de recoñecemento ao pioneiro Juan Hombre, creador do estilo coñecido Sheng-Chi-Pai. O acto finalizou cunha foto de familia nos soportais do Concello.




