A Asociación de Empresarios de Ribeira organizou o pasado 29 de maio a súa asemblea anual, convocada en cumprimento dos estatutos da entidade e co obxectivo de “render contas e comunicar como se vai xestionando o día a día da actividade da patronal”. Como é obrigatorio, procedeuse á lectura da acta anterior así como á presentación das contas, as cales foron aprobadas por unanimidade dos asistentes. Deuse ampla información das actividades realizadas, tales como as diferentes feiras que se celebran con carácter anual, así como aquelas de nova ou recente implantación que a actual dirección da entidade está a consolidar e que resultaron ser, nas súas palabras, “un éxito de público que redunda nunha reactivación da actividade económica da nosa cidade”.

Martínez Gude nunha foto de arquivo co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz
Posteriormente procedeuse á asemblea extraordinaria para as eleccións a presidente resultando que só se presento unha candidatura, a do actual presidente, Francisco Martínez Gude, que saíu elixida por aclamación das persoas asistentes.
O presidente electo explicou o programa de actividades a realizar nesta nova etapa e pediu que o comercio e empresas “se impliquen e apoien estas iniciativas que son moi importantes para a nosa cidade, tales como o futuro polígono industrial, a Feira Gastromar, a Feira do Coche Eléctrico, ou o salón Viamare, así como as campañas de Nadal, día do Pai e da Nai, e todas cantas se desenvolven durante o ano”.



