Logo de que Portos de Galicia ratificase a concesión dunha parcela de 1.117 metros cadrados no porto de Aguiño, o Concello de Ribeira vén de sacar a licitación a construción da Escola de Deportes Náuticos, cuxo orzamento ascende a 1.210.000 euros, IVE incluído.

De acordo co proxecto, elaborado por Oxil Arquitectura, con sede en Corrubedo, o centro terá unha superficie útil de 1.065 metros cadrados, repartidas en dous andares, deixando o resto de espazo para permitir manobras, prazas de aparcamento e futuros crecementos.

O andar baixo contará cun espazo para o almacenamento de embarcacións, así como á entrada ao club de remo, emprazando no mesmo o hall, o foso de remo e a recepción. Na planta primeira disporase un salón multiusos, despacho, baño adaptado, ascensor, vestiarios, ximnasio, zona fitness e cardio.
O prazo previsto de execución ascende a 16 meses.
As empresas interesadas dispoñen ata o vindeiro 24 de maio á medianoite para presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica da Xunta de Galicia (SILEX).




