A organización galega empresarial CLUSAGA presentou un proxecto de dixitalización e I+D+i aplicada ao sector do mexillón galego. Trátase de MusselBlock, cuxos resultados foron dados a coñecer nun webinario organizado pola Agrupación Industrial Alimentaria de Galicia (CLUSAGA). O obxectivo desta iniciativa foi o desenvolvemento dun sistema seguro e fiábel que garanta a veracidade e inalterabilidade da información asociada á rastrexabilidade (trazabilidade) e seguridade alimentaria.

MusselBlock é un proxecto financiado polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (MINCOTUR) a través da convocatoria 2022B de apoio a AEIs que, baixo a coordinación de Clusaga, involucrou na súa execución ás empresas socias de CLUSAGA Perfect Numbers, DOP Mexillón de Galicia, Elige Data, TripleAlpha e Tastelab.
Esta iniciativa recibiu apoio do Fondo de Recuperación NextGenerationEU para a aceleración da transformación dixital, ademais do da convocatoria de apoio a AEIs do MINCOTUR. A preparación da proposta contou con soporte da Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, impulsada por CLUSAGA e apoiada pola Xunta de Galicia a través do IGAPE.
O proxecto MusselBlock permite optimizar os procedementos documentais e integrar toda a cadea de valor nunha solución dixital baseada na tecnoloxía de cadea de bloques (blockchain), permitindo a recollida automatizada de datos mediante a sensorización e a aplicación de Intelixencia Artificial para elaborar modelos de análises preditivas.
A tecnoloxía blockchain proporciona seguridade, transparencia, confianza, aforro de custos e accesibilidade. Os seus beneficios repercuten en todos os elos da cadea de valor do mexillón certificado, desde a batea, “permitindo optimizar as condicións ambientais e operativas; ata o resto dos actores, como depuradoras, cocedeiros, ou centros de transformación e a súa loxística”, informou CLUSAGA, engadindo que esta solución dixital ofrece estimacións de volumes e rendementos futuros; permite anticipar colleitas e decisións de compra; e planificar futuras producións.



