
O Goberno vén de anunciar que pechará todos cantos pozos ilegais existen en Doñana. Pola contra, o presidente de Andalucía, Moreno Bonilla, insiste en ampliar o regadío, negándose a retirar a lei de regadíos de Doñana malia as advertencias ao respecto de Bruxelas. A Federación Nacional de Comunidades de Regantes de España (FENACORE) reclama un pacto de Estado pola auga para loitar contra a seca. E Galicia cala,como se non fora nada disto con ela; Galicia ten, agora mesmo, unha reserva hidrolóxica (ou auga embalsada) de 2.544 hectómetros cúbicos (o 78,01% da súa capacidade de embalsamento, que é de 3.220 hectómetros cúbicos). En relación ao ano pasado, en Galicia hai un 22% máis, e un 79% máis ca na mesma semana da media de vai 10 anos.
Con estes datos na man, os negacionistas terían argumentos para dicir que non existe problema, mais o certo é que a seca afecta de xeito evidente á Península Ibérica -con consecuencias tamén para parte da Comunidade Autónoma galega- o que realmente resulta preocupante todo este cúmulo de circunstancias.
Para corrixir informacións que pretenden desmentir o que semella evidente (os efectos da seca) vai un dato contrastado: a temperatura media mundial subiu o ano pasado nun 1,15 graos centígrados verbo do promedio do período preindustrial (1850-1900) entre 2015 e 2022, cos oito anos máis cálidos na Terra des que comezaron os rexistros.
Un informe que recolleu a axencia Europa Press sinala que 2022 foi o quinto ou sexto ano máis cálido a nivel global (tamén o máis caloroso na historia en España e Europa) malia un episodio triplo de “La Niña”, fenómeno que, como é coñecido, provoca arrefriamento.
As ondaxes de calor, sen precedentes, rexistradas en Europa o pasado verán, deixaron un exceso de mortalidade de máis de 15.000 persoas entre España, Alemaña, Reino Unido, Francia e Portugal. No leste, China rexistrou a súa onda de calor máis extensa e duradeira de mediados de xuño a remates de agosto. E o informe “Estado do Clima Mundial 2022” da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) explica que secas, anegamentos ou ondas de calor afectan a cada vez máis zonas e como os seus custos económicos e sociais son cada vez maiores.
A ausencia de choiva é a tónica dominante nos últimos tempos non só en España senón en toda Europa, e á pregunta sobre se é posible un cambio de tendencia e, de ser así, cando se producirá esta, o hidroxeólogo do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España, Bruno J. Ballesteros, sinalou Antena 3 TV. que os períodos de seca “duran tres anos. A boa nova é que realmente xa levamos desde maio do ano pasado” o que permite pensar optimístamente en que “só” queda un ano deste periodo.
É sabido que a seca trae como consecuencias a diminución da produción agrícola e da capacidade de carga do gando, malnutrición, deshidratación e enfermidades relacionadas: fame, debido á perda dos cultivos alimentarios.
Das secas que se rexistran, a meteorolóxica -debida á ausencia ou escaseza de precipitacións durante un período determinado de tempo; a agrícola, que afecta máis aos cultivos, que se pode definir por unha actividade agrícola mal planificada, e a hidrolóxica, que se produce cando as reservas de auga da zona están por baixo da media debido á falta de choivas ou á inaxeitada actividade humana, que moi ben pode ser o caso de Doñana
Os encoros galegos están por riba do 90% da súa capacidade. Os do estado están ao 50,9%.



