A Audiencia Provincial obriga a un xulgado de Santiago a reabrir a causa penal da mina de San Finx

19 Abril 2023

A Confraría de Pescadores de Noia emitiu un comunicado no que se informa da estimación do recurso de apelación achegado pola entidade contra a decisión xudicial (tomada por un xulgado de Santiago) de arquivar as dilixencias penais contra o ex-director xeral de Enerxía e Minas da Xunta e outros funcionarios do mesmo departamento. A estimación foi aprobada pola Audiencia Provincial. Trátase, en palabras do pósito noiés, “dunha importante noticia que reabre a causa e que reafirma as reclamacións do pósito noiés e dos colectivos ecoloxistas que levan anos pedindo xustiza fronte ás ilegalidades da mina de San Finx, en Lousame”.

A confraría lembra que o procedemento xudicial céntrase en varios presuntos delitos de falsidade en documento público “nos que os imputados mentiron sobre a natureza e antecedentes das presas de residuos mineiros de San Finx, así como da existencia de vertidos contaminantes”.

O pósito recorda no comunicado que “os imputados chegaron a afirmar no ano 2019 que os depósitos de residuos eran parte dunha central hidroeléctrica inexistente, e un ano despois informaron de que a maior das presas, que pecha un val fluvial cun muro de formigón de 50 metros de lonxitude e 14 metros de alto, era para un muíño de millo”.

A entidade denuncia a maiores que “os mesmos funcionarios e altos cargos tamén emitiron informes negando que fose necesario someter a explotación mineira a unha avaliación de impacto ambiental, o que finalmente contradicía outra enxeñeira de minas da propia Xunta”.

A Cofradía de Noia alerta de que “estes feitos son de extrema gravidade pois colocaron en risco a integridade dos bancos de marisqueo da ría ao dar continuidade a unha situación temeraria”.

Tamén recorda que a propia entidade Augas de Galicia alertou que o colapso da maior das presas mineiras provocaría un gran impacto ambiental, que segundo a confraría “xa estaría eliminado de non ser polas continuas mentiras de funcionarios e altos cargos da Xunta que tentaban eximir á empresa mineira das súas responsabilidades”. Iso, engaden, a pesar de que as presas de residuos constaban nos Plans de Labores da mina, ata que no ano 2000 se deixaron de presentar, e no propio Inventario de Balsas de Residuos Mineiros elaborado pola Xunta en 1999.

Para o pósito, o recente colapso das balsas de lodos que a mina de cuarzo metalúrxico de Erimsa ten no concello de Frades “é un claro aviso”. Neste concello, a falla dunha pequena balsa obrigou a que o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias alertase aos concellos que utilizan augas do río Tambre, incluíndo os de Noia e Outes a máis de 80 km do punto de vertido, polos riscos sobre a súa potabilidade. “Imaxínense o desastre ambiental que provocaría o colapso da presa de San Finx, que está a tan só 6 km da ría de Noia”, remarca o Patrón Maior da Cofradía de Noia, Santiago Cruz.

Outros artigos

Noia legaliza o seu Punto Limpo

O Concello de Noia vén de culminar o proceso de legalización do Punto Limpo municipal, poñendo fin a unha situación administrativa que segundo lembrou o Goberno local, “víase arrastrando desde hai anos”. A legalización constitúe “un paso importante para mellorar a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.