Pontón enxalza e arroupa en Boiro a candidatura local de Raquel Suárez

29 Marzo 2023

A portavoz nacional, Ana Pontón, asistiu este mércores 29 de marzo á presentación de Raquel Suárez como candidata do BNG á alcaldía de Boiro, a quen describiu como “unha muller con moita capacidade, enorme compromiso, coñecedora dos problemas deste concello e de como darlles solución porque ten este concello na súa cabeza e no seu corazón”.

Pontón enxalzou o proxecto do BNG para o municipio do Barbanza “que pon ás persoas no centro, cun urbanismo sustentábel e que aposta polos sectores produtivos estratéxicos, como o complexo mar-industria”, ao que se lle suma o obxectivo de acadar “un concello cohesionado, no que o rural conte e dispoña de todos os servizos”. A líder do Bloque destacou, ademais, que o BNG ten un xeito de gobernar que é “transparente e democrático, onde todos os veciños e veciñas son tratadas por igual”.

Raquel Suárez, “é a mellor candidata, que ten claro como aproveitar todo o potencial desta vila e ademais quere a este concello e a súa xente”, sintetizou.

O proxecto que representa o BNG para Boiro, destacou a portavoz nacional, procura “devolverlle a ilusión e o orgullo” para conseguir “un concello cohesionado coas persoas no centro, no que as parroquias e os núcleos do rural conten e dispoñan tamén de todos os servizos, para que as persoas teñan máis espazo ca os vehículos”. Ademais, defendeu o modelo “inclusivo” da formación nacionalista “no que a mocidade xogue un papel importante e se sinta partícipe das decisións que toma o seu concello”.

Tamén dixo que o BNG “xa demostrou a súa capacidade da man do noso queridísimo compañeiro Xosé Deira, do que todos e todas gardan o mellor recordo, tanto no humano como no político”. Unha época, salientou a líder do Bloque, na que a veciñanza “tivo un concello transparente, coas portas abertas. Con el como alcalde, Boiro avanzou e foi a mellor”, o que demostra, sinalou, “que cando o BNG lidera o concello, Boiro avanza, hai máis calidade de vida, hai máis dinamismo económico, social e cultural”.

“Hoxe”, dixo, “estamos a falar dun Bloque capaz de construír vilas e cidades con futuro, de facer avanzar unha cidade, unha vila ou un concello rural“a un ritmo rápido e positivo, que está presente nos municipios para transformar en positivo e para mellorar a vida das persoas”. Por todo isto, Pontón declarou que o Bloque será “a forza que máis suba nas eleccións municipais, porque o 28M saímos a gañar, con toda a humildade pero tamén coa máxima ambición, porque queremos abrir un tempo novo en Galiza concello a concello”.

Pola súa banda, a cabeza de lista, Raquel Suárez, destacou que se presenta á alcaldía para mellorar Boiro, “pola preocupación, cariño e compromiso que sinto con Boiro e coa súa xente”, un reto que asume “acompañada dun equipo humano impresionante, persoas honestas, traballadoras e comprometidas”. O noso, comentou, é “un equipo preparado para transformar Boiro, porque imos a por todas co aval do traballo feito representando un BNG que vai conseguir uns resultados históricos, porque Boiro merece máis”.

Suárez expuxo o modelo do Bloque para un Boiro “das persoas e da cidadanía”; para acadar “un concello limpo, seguro e accesíbel”, cunhas augas e praias “saneadas e depuradas”; para dar á veciñanza un executivo municipal “con responsabilidade económica” e que saiba dinamizar o rural, que defende unha mobilidade sustentable”.

A candidata á alcaldía de Boiro concluíu defendendo un modelo de vila igualitario e protector dos dereitos de todas e todos e onde se implementen “todas as medidas que permitan avanzar pola igualdade das persoas LGTBI e na igualdade real entre homes e mulleres”, concluíu.

—

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.