
Un total de 222 alumnos do colexio Galaxia visitaron no transcurso da semana pasada a exposición “My selfie” que dende o 7 de marzo se está a exhibir no Centro Cultural Lustres Rivas.
Trátase dunha mostra que recalou en Ribeira da man da Asociación Asociación Galega da Enfermidade de Dent (Art for Dent) na que coa fin de visibilizar esta doenza exhíbense traballos de Hugo Yáñez, de
nove anos de idade e que está diagnosticado desta rara enfermidade.
Espérase que esta semana acudan máis alumnos do colexio Galaxia, en tanto que para a semana que vén tamén está previsto que acudan estudantes do IES Leliadoura.
Visita guiada
Por outra parte, mañá martes ás 19 horas está prevista a primeira das dúas visitas guiadas programadas, nas que as persoas que o desexen poderán coñecer o contido desta mostra de boca do artista
Fernando Yáñez, pai de Hugo. A segunda está prevista para o día 28. Cómpre facer reserva a través do teléfono 981 835 650.





