O Concello de Boiro emitiu un comunicado en resposta ao escrito asinado por un grupo de mulleres onde se mostra o seu rexeitamento ante o trato recibido por profesionais do Centro de Información á Muller (CIM) do municipio, declaracións que foron reflectidas polos medios e desencadearon unha moción presentada por un grupo da Corporación, un trámite de audiencia iniciado pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia en relación á citada denuncia e un proceso de investigación interna para determinar os feitos acontecidos. O comunicado de Boiro achégase como xeito resume e conclusións deste proceso de investigación. Entre estas conclusións figura a detección de informes irregulares de acreditación de vítimas de violencia de xénero.

Estes serían os puntos analizados nas pescudas:
-En primeiro lugar, indícase que toda esta problemática xorde a raíz da finalización do contrato laboral dunha traballadora, “ao que resulta imposible dar continuidade por motivos legais”, explica o Concello, engadindo que a dita traballadora xerou un vínculo moi forte con algunhas das persoas usuarias, usuarias que tras a finalización do contrato de traballo “nunca quedaron desatendidas xa que se puxo á súa disposición o servizo de psicoloxía do CIM para continuar coas actividades que se estaban a levar a cabo, en particular un grupo de autocoidado”. E engádese no comunicado: “O Concello de Boiro nunca puxo impedimento en que as xuntanzas deste grupo se seguiran realizando en espazos municipais, nas mesmas condicións que os demais colectivos do concello, pero nunca se volveron a rexistrar ditas solicitudes”.
-En relación ás denuncias específicas realizadas por este grupo de mulleres sobre a mala praxe recibida nas sesións individuais e colectivas por parte dunha profesional do servizo de psicoloxía do Centro de Atención á Muller, indícase no comunicado “que das 13 persoas que asinan o documento no que se denuncia a mala praxe por parte dunha profesional e renuncian de maneira explícita ao servizo, 7 delas nunca foran atendidas por esta profesional”. E engádese: “Non se retirou nunca o servizo a ningunha usuaria, foron elas mesmas as que renunciaron por escrito á atención psicolóxica. Por parte do Concello de Boiro, en todo momento púxose a disposición a reincorporación ao servizo sempre e cando se solicite de maneira explícita a súa reincorporación”. O Concello destaca que “durante todo este tempo o CIM seguiu a prestar o seu servizo de maneira regular co resto de persoas usuarias, sendo máis de 80 as atencións achegadas polo servizo de psicoloxía nas últimas 7 semanas sen ningún tipo de incidencia ou queixa”.
-No tocante ás denuncias específicas realizadas por parte dun grupo de mulleres sobre a psicóloga do CIM, foi requirido informe detallado das atencións prestadas tanto nas sesións individuais e colectivas e enviado á Secretaría Xeral de Igualdade o día 13/02/2023 a fin de dar resposta ao trámite de audiencia aberto por esta causa, “non obtendo aínda resposta algunha sobre dita cuestión”, sinala o Concello, engadindo que vén de rexistrar unha reiteración da información presentada a fin de obter resposta por parte da Secretaría Xeral de Igualdade.
-No marco das investigacións internas realizadas para esclarecer os feitos denunciados, fontes do Consistorio recoñecen ter detectado “a emisión irregular de informes acreditativos de situación de vítima de violencia de xénero ás mulleres participantes neste grupo”. Os citados informes foron emitidos por unha traballadora que non estaba adscrita ao CIM de Boiro nin tampouco tiña as competencias para emitir ditas acreditacións, engádese.
-No comunicado faise saber igualmente que a traballadora que finalizou a súa relación contractual co Concello de Boiro o 31/12/2022, realizou a expedición de ditas acreditacións uns días antes á finalización do seu contrato laboral e sen constar expediente administrativo algún que permita comprobar a veracidade de ditas acreditacións, “tendo estas mulleres na súa posesión unhas acreditacións que poderán non ser válidas de xeito que non cumpran a finalidade para a que foron emitidos”. Trátase “duns feitos sen precedentes neste Concello, que poden chegar a ser constitutivos de delito e que foron xa denunciados ante o Xulgado de Primeira Instancia a fin de protexer a estas mulleres que dispoñen dunhas acreditacións sen as garantías xurídicas necesarias”, sinálase.



