O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, mantivo na tarde de onte unha reunión en Santiago co vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, coa fin de analizar as posibilidades de reducir os custes de urbanización do novo polígono industrial e, con isto, abaratar o prezo por parcela.
Neste senso, no transcurso no encontro (no que tamén estiveron presentes a secretaria xeral de Industria, Paula Uría; e a xerente de Xestur, Maria Doporto) puxéronse enriba da mesa diversas solucións
que poderían conducir ao obxectivo sinalado. O vicepresidente primeiro comprometeuse a estudalas xunto coas Consellerías de Facenda e Medio Ambiente, de tal xeito que as liñas de crédito necesarias para financiar as obras de urbanización puideran desenvolverse coa colaboración da Xunta de Galicia
Da mesma forma, e dado que segundo as previsións as obras do polígono non se terán rematado ata o primeiro semestre do 2025, isto permitiría acudir ás ordes que prevé lanzar a Consellería de Industria
tanto para polígonos como para repotenciación eléctrica.
Manuel Ruiz estima que con esta e outras xestións que está a efectuar se podería reducir nun 14% o prezo de 70 €/m2 inicialmente previsto, ata rondar os 60 €/m2, importe moi competitivo a tenor dos
prezos de mercado do chan industrial.
Cómpre recordar que, logo da súa aprobación inicial, actualmente está en exposición pública o proxecto de urbanización do futuro polígono, que con 258.926 metros cadrados de superficie estará ubicado no entorno de Fontenla e Pedras Vermellas. E tamén está en tramitación o proxecto de expropiación, á agarda de poder proceder á súa aprobación definitiva.




