Cultura da Deputación convoca os premios Ksado, Díaz Pardo, Castelao, Dieste e Raíña Lupa

02 Marzo 2023

A Área de Cultura da Deputación da Coruña foi estes días completando o calendario de convocatorias dos seus premios culturais coa publicación (este xoves 2 de marzo) no BOP dos prazos dos premios Luís Ksado de creación fotográfica, Isaac Díaz Pardo de arte, Castelao de banda deseñada, Rafael Dieste de textos teatrais e Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil.

Concretamente a primeira convocatoria en pechar prazo será a do XVIII Certame de Arte Isaac Díaz Pardo. Todas e todos os artistas interesados en participar poderán enviar as súas obras ata o 20 de abril. Este premio admite temática e técnica libre, cunha dimensións máximas segundo a tipoloxía de obra que se poden consultar na bases da convocatoria. O premio está dotado con 6.500 euros e ademais contempla a adquisición da obra gañadora ata un importe máximo de 25.000 euros. Na anterior edición resultara gañadora a artista Irene Grau cunha obra elaborada con cinzas recollidas nos incendios de Galiza en 2017 sobre lenzo.

A seguinte convocatoria en pechar será a do XXI Premio Rafael Dieste de textos teatrais, cuxo prazo remata o 27 de abril. Este premio está dotado con 6.500 euros e na anterior edición resultara gañadora a obra Sophie non é o meu nome de guerra de Roberto Pascual. Tamén en abril, concretamente o día 28, pecha o prazo de recepción de orixinais do XVII Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, dotado con 6.500 euros e cuxo último gañador fora Lois Pérez coa obra A tribo do mar.

Mentres, no mes de maio rematarán os prazos de presentación de traballos para os premios de banda deseñada e de fotografía. O 11 de maio remata o prazo para presentarse ao XVIII Premio Castelao de banda deseñada, que contempla unha dotación de 6.500 euros para cada unha das modalidades: xeral (para todos os públicos) e LIX. Na pasada edición resultaran gañadores na modalidade xeral Siqi Luis Yang, como debuxante, e Uxía Larrosa Villanueva, como guionista, coa obra O bico da serea; mentres que na modalidade LIX gañara Francisco Pérez Villanueva con Contando estrelas.

E por último, o día 31 de maio pecharase o prazo para participar no XVII Premio Luis Ksado de creación fotográfica que premia, con 6.500 euros, series que conten cun mínimo de seis e un máximo de doce fotografías que se inscriban no campo do fotodocumentalismo, fotoxornalismo ou reportaxe en xeral. O máis recente gañador deste certame foi o fotoxornalista ourensán Brais Lorenzo cunha serie sobre incendios forestais titulada Lume.

Neste momento hai abertas 9 convocatorias, posto que a comezos de semana se publicaron os prazos dos premios Torrente Ballester de narrativa, Manuel Murguía de ensaio e Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero; e desde finais do pasado ano permanece aberto o prazo do concurso Quero Cantar de música infantil e xuvenil. O calendario completarase coa convocatoria, en vindeiras semanas, do Andrés Núñez de arte gráfica e dous premios máis de música: o Andrés Gaos de composición musical e o Fran Pérez Narf para artistas e grupos musicais.

Calendario de convocatorias

· 15 de marzo: VI Concurso “Quero Cantar” de música infantil e xuvenil

· 13 de abril: XIV Premio “Manuel Murguía” de ensaio

· 20 de abril: XVIII Certame de arte “Isaac Díaz Pardo”

· 27 de abril: XXI Premio “Rafael Dieste” de textos teatrais

· 28 de abril: XVII Premio “Raíña Lupa” de literatura infantil e xuvenil

· 4 de maio: VII Premio “Begoña Caamaño” á acción cultural pola igualdade de xénero

· 11 de maio: XVIII Premio “Castelao” de banda deseñada

· 15 de maio: XXXV Premio “Torrente Ballester” de narrativa

· 31 de maio: XVII Premio “Luís Ksado” de creación fotográfica

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.