O Bloque Nacionalista Galego mostrou o seu rexeitamento á aprobación, en Consello de Ministros e Ministras, do POEM da costa galega xa que “afectará negativamente o sector pesqueiro galego” e, por tanto, “o desenvolvemento económico da Galiza”, sinalou o grupo nacionalista galego a través do seu deputado Néstor Rego, quen lembrou que a plataforma continental galega non é a adecuada para implantar estes proxectos eólicos. Para Rego, esta aprobación constitúe unha “nova labazada para o sector pesqueiro galego” e unha mostra de como o Executivo está a ser “cómplice do boom eólico depredador”. Tamén avogou por “unha Galiza libre de eólica mariña”.

Pola súa banda, Ecoloxistas en Acción achegou unha serie de críticas porque din que os POEM non reflicten un necesario compromiso pola conservación do medio mariño.
Aprobación
O Consello de Ministros do Goberno do Estado vén de aprobar os Plans de Ordenación dos Espazos Marítimos (POEM) que permitirán a implantación de proxectos de eólica mariña nas costas do Estado. A nosa Comunidade concentrará case a metade dos MW de eólica mariña que está a tramitar o Goberno español. E todo isto, “a pesar de que o sector pesqueiro galego sexa o máis importante do Estado español e un dos máis grandes de Europa”, comentou Rego, para quen esta aprobación implica “un evidente risco para a conservación dos ecosistemas mariños un grave prexuízo para o desenvolvemento dunha das actividades económicas máis importantes para a Galiza, a pesca”. E engade: “Vimos alertando durante os últimos meses de que a plataforma continental galega, por ser moi estreita, non é apta para instalar este tipo de parques que se situarían moi perto da costa, en zonas de interese pesqueiro e mesmo coa concentración dun número elevado de embarcacións do sector pesqueiro que non ten comparación con ningún outro punto do Estado” afirma.
“No BNG témolo claro: seguimos a apostar pola potenciación do sector pesqueiro, moi importante no noso país e un modelo enerxético con participación pública que defenda o territorio galego. Un modelo afastado ao que defende o Partido Popular -desde a Xunta de Galiza- e o PSOE e UP -no Goberno do Estado- que priman os intereses das grandes empresas enerxéticas” subliña Rego.
A postura de Ecoloxistas en Acción
Pola súa banda, a organización Ecoloxistas en Acción comentou nun comunicado que “os POEM non mostran un compromiso decidido pola conservación do medio mariño”. A ONG lamenta que” non se aproveitou do todo esta ferramenta para avanzar de maneira clara na conservación da vida no mar e para realizar unha ordenación máis pormenorizada, non tanto unha delimitación das actividades que xa se están realizando actualmente”.
Ao analizar algúns dos apartados do documento, Ecoloxistas en Acción recoñece a importancia da despregadura da enerxía eólica mariña (unha enerxía renovábel de menor impacto ambiental respecto a as enerxías fósiles ou a nuclear) que resulta “clave na produción enerxética sustentábel necesaria para abordar a crise climática na que nos atopamos”.
Con todo, a organización sinala que “esta despregadura debe ir acompañada dunha regulación e control axeitados para evitar os movementos especulativos no sector, coa maior participación pública posíbel, garantindo a protección dos ecosistemas e amparando a xustiza social e climática”.
A organización ecoloxista recoñece o esforzo do MITERD para planificar o despegue da eólica mariña ao marcar zonas de exclusión para a súa instalación. Tamén valora de maneira positiva que nestes plans fixouse o obxectivo de reforzar o marco de protección para alcanzar o 30 % da superficie mariña para 2030, aínda que bota de menos “a mención ao 10 % de conservación estrita que tamén é necesario definir.”
Ao mesmo tempo, denuncia “a cesión do Goberno español ás presións do lobby da pesca de arrastre para aumentar as súas zonas de pesqueira en detrimento da despregadura da eólica mariña”. Así, critican que o carácter de ZUP (Zonas de Uso Prioritario) que inicialmente tiña a enerxía eólica mariña pasou a ser só ZAP (Zona de Alto Potencial), unha decisión esixida polo sector pesqueiro.
Para a o ONG, outra das carencias destes plans é “a ausencia de programas de mostraxe, vixilancia e control das masas de auga costeiras e augas de transición dos estuarios que forman parte do dominio público marítimo terrestre”. A organización ecoloxista alerta de que, por exemplo, as mostraxes realizadas dentro do marco do programa Descriptor 10 do MITERD nas augas superficiais revelan a alta concentración de microplásticos e microplásticos nas masas de augas costeiras. Segundo o programa de seguimento denominado BM-bio, tamén do MITERD, que avalía o impacto dos lixos na biota mariña na demarcación noratlántica, atopáronse microplásticos no 100 % dos cetáceos varados.
Sinalan que nos informes do Ministerio para a elaboración Plan de Ordenamento do Espazo Marítimo alertábase da mala situación das masas de auga costeiras das Rías Baixas, segundo estes estudos destacan dúas zonas moi contaminadas, a ría de Arousa,na contorna de Vilagarcía, con impactos por contaminación por materia orgánica e a ría de Vigo, na contorna de Moaña, con impactos por contaminación química. “Estas verteduras contaminantes ademais de afectar ao medio mariño, ás zonas de Rede Natura e actividades humanas que requiren de boa calidade das augas, tamén afectan gravemente a toda actividade económica relacionada co mar, en especial á pesca, acuicultura e marisqueo”, sinalan, instando ao Ministerio a poñer coto a estas verteduras contaminantes, que ademais de afectar ao medio mariño, ás zonas de Rede Natura e actividades humanas que requiren de boa calidade das augas, tamén afectan gravemente a toda actividade económica relacionada co mar, en especial á pesca, acuicultura e marisqueo.
Por último, a organización ecoloxista sinala que nos POEM “falta un plan de prevención e control da calidade do aire para os buques”. O propio Plan de Ordenamento do Espazo Marítimo presentado recoñece que o contido en xofre, nitróxeno e materia particulada que conteñen os combustibles utilizados polos buques contribúen á contaminación atmosférica e a unha mala calidade do aire, con efectos nocivos sobre a saúde humana e o medio ambiente.






