
A decisión foi tomada na asemblea de penas que tivo lugar a última hora da tarde do sábado no que se deu luz verde ao calendario de actividades que conformará o programa das singulares celebracións.
As festas arrincarán o 18 de xullo co aceso do facho dorneiro e unha das probas estrela: o Enjalanamiento dás Fanequeiras. Para o 19 foron fixados o Trinautlón e o Festival de Jijó; mentres que o 20 chegará a quenda dos Xogos de Mar, o Voo sen Motor e o Exame de Patróns. O 22, xa encarando a recta final desta edición, comezará o roteiro de tapas e disputaranse os Xogos de Terra e a Cansión de Tasca, que vivirá o seu final ao día seguinte, despois do Jran Prix de Carrilanas.
A singradura número 75 da Festa dá Dorna chegará ao seu fin, como é habitual, o 24 de xullo cun intenso programa de actividades no que destacan a Rejata de Embarcasións Feitas á Machada, a romaría e o desfile do Top Secret.
Para ir quentando motores, a Real e Ilustre programou outras citas de aquí a xullo. Entre as máis destacadas atópanse a cea benéfica, fixada para o 4 de marzo, e a Carreira de Matriarcas, que será o 11 do mes que vén e servirá para conmemorar o Día Internacional da Muller.
Os representantes das penas tamén decidiron o sábado abrir o prazo de presentación das ilustracións que optan a decorar o suadoiro e o cartel desta edición. Os interesados teñen ata o 18 de marzo para enviar as súas propostas.



