Un ano máis, este 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía, data de nacemento da autora galega máis representativa da nosa literatura e, sen lugar a dúbidas, figura referencial do movemento feminista. Amais do Concello de Dodro, que cada ano prepara un amplo programa de actividades onde reivindica o legado da autor e máis os fortes vencellos que unen este municipio co periplo vital e literario da autora de Follas novas, o resto dos nosos concellos prepararon tamén cadansúas axendas, todas elas co nexo común de enxalzar a nosa cultura a través do importante tesouro da obra rosaliana.
En Boiro
En Boiro as actividades comezan cunha mesa redonda e unha lectura de poemas, este xoves ás 20.00 horas no Centro Social, na que participan as escritoras boirenses Ana Lojo, Etna W. Crush e Anxos Castro Parada. Ao día seguinte, venres 24, están programados obradoiros infantís na Biblioteca Municipal, a partir das 18.00 horas. Serán talleres de marcapáxinas e de acrósticos dirixidos á rapazada de entre 6 e 10 anos para conmemorar o Día de Rosalía. Inclúese a sesión de contacontos Adíos ríos adiós fontes.
O venres 24, sen saírnos de Boiro, desenvólvese no Pazo de Goiáns (a partir das 20.00 horas) a presentación do libro Enser de Marcos Lorenzo e visita teatralizada Que pasa ao redor de min? de Os Quinquilláns e Luís Caruncho.

En Dodro
No programa de actividades previstas en Dodro inclúese un ano máis unha celebración literario-gastronómica, na que participan establecementos hostaleiros locais colaborando mediante as iniciativas Café con Verso e Caldo de Gloria. Trátase dos seguintes locais: Casa Buela (Imo), Café Bar da Silva (Tallós), Casa Pancho (Igrexa de Dodro), Cafetería Caprichos (Lestrobe) e Pazo de Lestrobe.
O Concello de Dodro contará co apoio da Fundación Rosalía de Castro durante o desenvolvemento desta programación, que estará representada polo seu presidente, o escritor local Anxo Angueira.
A iniciativa Café con Verso consiste no agasallo (con cada café) dunha tarxeta coa imaxe e con versos escollidos da poeta.
Polo que respecta ao Caldo de Gloria, consiste en achegar aos clientes, con cada consumición, unha degustación dunha tapa de caldo inspirado no poema de Rosalía de Castro Miña casiña, meu lar.
Ademais, o xoves 23 de febreiro, ás 18.00 horas, o Pazo de Lestrobe acollerá o espectáculo de Quinquilláns Teatro A pluma viva de Rosalía, unha actuación pertencente ao Programa Rede Cultural 2022 da Deputación da Coruña. Ao remate o público poderá degustar un Caldo de Gloria.
Ademais, en colaboración co Centro Rural Agrupado de Dodro (CRA), nas estradas de acceso aos colexios realizaranse pintadas con versos de Rosalía de Castro.
A todo o devandito súmase o recente nomeamento de Rosalía como Filla Adoptiva do concello de Dodro. O acto de entrega do título honorífico a título póstumo celebrouse no auditorio da Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón. A distinción foi acordada polo pleno da Corporación municipal de Dodro, o 11 de agosto de 2022, como recoñecemento tanto á súa relevancia literaria e cultural como á contribución á promoción e notoriedade de Dodro.
Na Pobra
A concelleira da Cultura da Pobra do Caramiñal, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), acompañada da técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, presentou a programación municipal da Pobra para conmemorar este 23 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro. Haberá caldo de gloria, unha ofrenda cívica e accións de lecer para a rapazada.
A edil manifestou que a programación focalízase novamente nas crianzas para achegarlles a escritora dun xeito didáctico e cun compoñente lúdico, pois “serán os encargados de salvagardar o legado”.
Para a rapazada lánzase novamente o xogo-concurso As sete Rosalías. Consiste en atopar varias siluetas recortadas coa forma de Galicia que conteñen no seu interior o rostro de Rosalía acompañado de versos seus. Estas pezas estarán expostas nos escaparates dunha trintena de establecementos da localidade no período comprendido entre o 24 de febreiro e o 3 de marzo. O desafío reside en buscar as 7 versións diferentes da imaxe que ilustra o cartel. Unha vez atopadas, será preciso anotar no folleto cal é esa diferenza e en que instalación se sitúa. Poden participar todos aqueles nenos e nenas pobrenses con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que conten cun dos impresos repartidos nos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra. De lograren superar o reto, deben entregar os impresos debidamente cubertos cos datos requiridos nos centros de ensino xa mencionados. Sortearanse 50 lotes de agasallos entre tódolos cativos e cativas acertantes, no 7 de marzo.
A maiores, repartiranse quebracabezas cun debuxo de Rosalía para colorear por parte dos centros de ensinanza da infantil.
E, no propio día 23, efectuarase a tradicional ofrenda cívica na praza que leva o nome da escritora, ás 13.00 horas, con lectura de manifesto, música tradicional e caldo de gloria para rematar.

En Ribeira
O Concello de Ribeira vai celebrar cos escolares o Día de Rosalía, este xoves 23 de febreiro. Co gallo desta conmemoración (coa que se recorda a data de nacemento da poeta), o alumnado de Ribeira do primeiro ciclo de primaria participará nunha festa de aniversario no Auditorio Municipal ás 11.30 h coa actuación de Charo Pita e a familia Papaventos, na que a rapazada acompañará as palabras de Charo sobre Rosalía.
Para rematar a festa recitaranse uns versos da nosa poeta todos xuntos e cantarase o Parabéns para ti. Os neniños e neniñas levarán un pequeno recordo agasallo da Fundación Rosalía de Castro.
Pola tarde, ás 20.00 h, na Praza do Concello, celebrarase a xa tradicional Lectura pública dos versos de Rosalía. Con micrófono aberto para toda a cidadanía.

En Outes
Con motivo da celebración do Día de Rosalía no que se conmemora a data de nacemento da autora, este 23 de febreiro, o Servizo de Normalización Lingüística de Outes ten unha completa programación dirixida a todos os públicos para festexar e honrar á escritora galega.
As actividades do día 23 comezarán co pintado dun mural conmemorativo na praza de Galicia no que colaborará o alumnado do colexio de Outes. Ese mesmo día, todas as persoas que visiten a biblioteca poderán levar de balde un libro en galego e unha flor.
A hostalaría do municipio tamén participará coa celebración desta data servindo unha cunca do Caldo de Gloria inspirado no poema Miña casiña, meu lar. Poderase degustar nos establecementos Albatros, A Nosa Taberna, Berberecho, Casa Amanda, Casa Peto, John Turkey, Mesón do Portelo, Taboleiro, Tines e Viña.
A última das actividades prevista será a realización dunha exposición efémera que decorará a praza de Galicia desde o día 28 de febreiro ao 2 de marzo. A exposición consistirá nun tendal con camisetas personalizadas polos nenos e nenas do colexio de Outes nas que haberá versos e poemas de Rosalía. Está prevista tamén durante esa xornada a celebración dunha actuación teatral dirixida aos escolares do municipio a cargo da compañía Quinquilláns. Lucho Penabade, Alba María e Luis Caruncho mostraranlle aos escolares os aspectos vitais da vida e obra de Rosalía de Castro.

En Noia
O Concello de Noia, a través da Concellería de Cultura, vai conmemorar en clave dixital este 23 de febreiro o Día de Rosalía de Castro, referente das letras galegas, da nosa cultura e do feminismo. O departamento que dirixe José Pérez celebrará o cabodano da autora de Follas novas cun convite ás veciñas e veciños para que graven cadanseus vídeos (máximo de dous minutos de duración) falando das súas obras favoritas da poeta de Padrón, e publicalo despois coa etiqueta #culturaconcellodenoia. Os audiovisuais que se vaian publicando serán compartidos logo nas redes sociais do Concello.
En Rianxo
As celebracións de Rianxo concentraranse este venres 24 de febreiro. Ás 18.00 horas, diante da escultura adicada á ilustre galega, que se atopa localizado no Paseo da Ribeira (zona da Praza de Padrón) realizarase un acto na súa lembranza. O acto consistirá nun recital poético aberto á veciñanza, ás entidades asociativas, ao alumnado dos centros educativos, ao alumnado da aula sociocultural e teatro e a escritores de Rianxo. O programa inclúe intervencións musicais que acompañen as actividades de homenaxe.




