Centos de rapaces de centros educativos de Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Cambados e Rianxo vanse xuntar este venres 24 de febreiro no Complexo Deportivo da Fieiteira (Ribeira). Farano con motivo décimo terceira edición do Torneo Deportivo Eu Saúde, iniciativa impulsada pola Fundación Galega contra o Narcotráfico en colaboración co Concello de Ribeira e diferentes institutos e centros educativos, e o patrocinio de CONGALSA, empresa alimentaria con sedes na Pobra do Caramiñal e tamén en Ribeira.

A primeira tenente de alcalde María Sampedro e o xerente da Fundación, Fernando Alonso, ofreceron detalles desta actividade nunha presentación na que tamén estiveron presentes o concelleiro Ramón Doval e máis Isabel Cañas e Irene Souto, directora de relacións externas e adxunta á mesma da empresa CONGALSA.
Os centros implicados serán os colexios Galaxia e Bayón (Ribeira), IES Félix Muriel (Rianxo), colexio Sagrada Familia e IES A. Cotarelo e IES Castro Alobre (Vilagarcía), IES A Basella e Faro das Lúas (Vilanova) e IES Francisco Asorey (Cambados).
A apertura do evento está previsto para as 10.15 horas coa benvida dos equipos para dar paso a partir das 10.30 horas á celebración de diferentes modalidades deportivas: fútbol, baloncesto, voleibol e atletismo (100 e 400 metros, saltos de lonxitude, lanzamento de peso e 4×100 relevos). De 12.45 a 13 horas terá lugar a clausura coa entrega de trofeos e agasallos conmemorativos.
Fernando Alonso lembrou que “esta mesma actividade estaba prevista realizala en Ribeira hai tres anos” e “coa volta á normalidade por fin pódese celebrar”. Ademais, explicou que este torneo vén a ser a parte visíbel dun programa formativo que a Fundación, co apoio da Consellería de Educación, imparte nos centros educativos e que ten como obxectivo a promoción de hábitos saudábeis e a transmisión de valores e habilidades cos que facer mellores persoas.
A tenente de alcalde María Sampedro loou esta iniciativa que concentrará alumnado procedente de ambas beiras da ría arousá e resaltou que “na educación está a base para o futuro dun pobo e de aí accións como esta, que redundarán na mellora da vida da nosa mocidade”.
Pola súa banda, Isabel Cañas mostrouse no nome de CONGALSA encantada de apoiar iniciativas como esta, “dirixidas a divulgar os valores asociados ao deporte, tales como o respecto, a mellora continua e o traballo en equipo”.



