Augas de Galicia vén de comunicar ao Concello de Ribeira a súa intención de limpar o curso do río de Artes (tamén chamado Arlés e Sanchanás) ao seu paso polas parroquias de San Martiño de Oleiros, Santa María de Olveira e San Xián de Artes.
Máis concretamente, os traballos que se van realizar consisten na retirada de árbores e biomasa caídas na canle. O tramo afectado por estes labores comprende un total de 3.825 metros: de acordo coas coordenadas UTM ETRS89, actuarase entre os puntos 499.576; 4.716.484 (inicio) e 498.475; 4.714.088 (final).
Os medios que se van empregar serán motoserras, rozadoras, ferramentas manuais, tractor, camión e minidumper.




