A Consellería do Medio Rural ofreceu este venres 17 de febreiro en Rianxo unha xornada informativa sobre a Lei de recuperación agraria. Fíxoo ante representantes da asociación de veciños da parroquia do Araño. O encargado de dar esta charla foi Alfredo Fernández, subdirector de Mobilidade de Terras da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Durante a sesión informouse aos asistentes dos obxectivos e medidas incluídos na Lei, unha iniciativa “comprometida co avance na recuperación da actividade económica e social dos terreos en situación de abandono e infrautilización, así como dos núcleos incluídos nestes, e tamén para ampliar a base territorial das explotacións”, sinalou Fernández, engadindo que as ferramentas mobilizadas teñen como obxectivo “impedir ou mesmo reverter o abandono no rural” e “resultan útiles tamén”, engadiul “para protexer o medio ambiente, crear emprego endóxeno e para facer prevención e defender as persoas e os seus bens dos lumes forestais”.
Segundo engadiu, entre as ferramentas que inclúe a Lei atópanse as seguintes: as aldeas modelo, os polígonos agroforestais, as permutas de especial interese agrario e as agrupacións de xestión conxunta, co fin de poñer en valor terras a través de actividade agraria que xere riqueza e emprego, fixe poboación e sirva -ao tempo- para anticiparse aos incendios forestais.
Fernández sinalou que desde a entrada en vigor da Lei de recuperación -en maio de 2021- arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, correspondentes a 21 polígonos agroforestais, a 21 aldeas modelo e a permutas voluntarias no concello de Friol, na provincia de Lugo.



