
O Entroido de Rianxo será unha festa creativa, participativa e, sobre todo, moi descentralizada. Así, se ben a Carpa do Entroido da praza Castelao na vila rianxeira exercerá como cento neurálxico festeiro (con propostas do Concello e das asociacións locais), tamén é certo que as parroquias terán un papel principal durante estas festividades. De feito, logo das actividades deste venres 17 (a inauguración da dita carpa a partir das 22 horas, cunha axenda que inclúe unha festa de Entroido, un concurso de disfraces e unha sesión DJ, todo organizado pola Asociación Rock in Rian), o programa de celebracións colle impulso definitivo este sábado 18 de febreiro no Araño, cunha choqueirada que dará comezo no Centro Social da Capela a partir das 17.00 horas, organizada pola Asociación de Veciños.

No mesmo día, sábado 18, a carpa praza de Castelao acollerá ao mediodía unha sesión carnavaleira, seguida (pola tarde) dunha festa infantil, un concurso de disfraces para a rapazada, un DJ e un espectáculo familiar.
Ao día seguinte, domingo 19, a festa concentrarase na praza de Castelao a partir das 16.30 horas. Haberá obradoiros, xogos e logo comezará o Certame de Carrozas do Entroido de Rianxo, que entregará 4.000 euros en premios e gratificacións: para a modalidade de carrozas (tres premios de 900, 700 e 500 euros, máis gratificacións de até 150 euros) e para a categoría de grupos (tres premios de 350, 250 e 140 euros). A vertente musical virá da man de Fanfarria Taquikardia. Sortearanse agasallos entre as persoas disfrazadas. As categorías son: xoubas (até 6 anos), sardiñas (de 7 a 12), xardas (de 13 a 17) e adultos.
O luns 20 de febreiro a festa concentrarase en horario de tarde. Haberá inchábeis, obradoiros e xogos na Carpa do Entroido da praza de Castelao, entre as 16.30 e as 19.30 horas.
O martes, tamén pola tarde tamén na Carpa de Entroido, haberá inchábeis, obradoiros, xogo e, un espectáculo de rúa (Abracadaver) a cargo de As Sircópatas. Tamén actuará o músico Pakolas.
O sábado 25 a actividade trasládase ao Campo de pasos, en Taragoña, da man da Asociación Cultural Campo Maneiro. Organizaranse, a partir das 16.30 horas, inchábeis, obradoiros e xogos diversos. Tamén haberá un concurso de carrozas e pola noite unha verbena do Entroido con actuacións musicais e DJ.
Máis información en concelloderianxo.gal.



