Case setecentas persoas inscribíronse no tradicional Festival de Entroido do Concello de Lousame, que terá lugar no Polideportivo Municipal Pilar Barreiro Senra este domingo 19 de febreiro, entre as 16:30 e as 20:00 horas.

O festival estará amenizado pola música en directo da man dos cantantes das orquestras máis recoñecidas de Galicia: Óliver Escobar, da París de Noia; Néstor Peña, da Olimpus; e Diego Moreira, da Panorama, que serán os encargados de dar a benvida á veciñanza.
Paralelamente, o Festival de Entroido de Lousame ofrecerá xogos, inchábeis e obradoiros de Entroido para os máis pequenos da casa, así como degustación gratuíta de orellas, filloas e chocolate con churros para todas as persoas que asistan. Ademais, haberá caramelos para todos os nenos e nenas que asistan disfrazados.
Para facilitar o acceso, o Concello de Lousame vai empregar o mesmo sistema empregado no Festival de Reis e nos campamentos dos últimos anos: dirección única con entrada pola Fonte do Redullo e saída polo CPI Cernadas de Castro. Así, os pequenos poden quedar na festa mentres a persoa adulta aparca nunha das tres zonas dispoñibles na contorna: entrada do colexio, no campo vello de fútbol de Cruído ou na propia subida do Redullo (carril dereito).



