“E tí … de quen vés sendo?”. Antón Luaces

13 Febreiro 2023

Francisco Franco, xefe do Estado español disque pola gracia de Deus, inaugurou no ano 1963 unha das máis polémicas factorías industriais creadas daquela no país galego (perdón polo exabrupto: Galicia era unha rexión, non un  país e o TOP -Tribunal de Otrde Pública- actuaba de xeito inmisericorde). 

Foi a tal inauguración na marisma de Lourizán (Pontevedra), terreo protexido dunha extensión de varios milleiros de metros cadrados considerado dende 1959 de dominio público marítimo-terrestre e afectado posteriormente pola Lei de Costas de 1988.

A veciñanza da zona, ao igual que na maior parte da de Galicia e mesmo os medios de comunicación, recibiron con ledicia a nova dando por feito que ENCE (Enerxía e Celulosa, S.A.) suporía un  necesario avance naqueles tempos nos que tanto se precisaba de postos de traballo que só a industria podía crear.

E así foi: a dïa de hoxe 400 postos directos de traballo e outros tantos indirectos, máis os xerados ao longo destas seis décadas que moitos calculan nun total de máis de 5.000 persoas adicadas a prantar e pinchar eucaliptos, especie arbórea de escasa presencia na Galicia que foi do pino, o toxo, o carballo, o castiñeiro, o ameneiro,  a bidueira, etc.

Máis a fábrica de celulosa ENCE comezou a ser criticada por aqueles que máis motivos tiñan para realizar esa crítica: os veciños, que dicían que o cheiro que emanaba das chemineas era “moito”. Con eles, os mariscadores. Porque se contaminou a ría de Pontevedra co mercurio vertido á ría durante décadas  empregado pola pasteira na fabricación da celulosa de papel a partir da madeira, que afectou especialmente aos bancos marisqueiros da zona. Ao mesmo tempo, as emisións da factoría prexudicaban á cidade e a súa área de influencia coa polución e o cheiro a podre.

Esta fábrica de ENCE ten, dende xa e por mor da sentencia do Tribunal Supremo, outros 50 anos máis para continuar a ocupar na ría de Pontevedra eses milleiros de metros cadrados de terreo protexido outorgado á empresa na ditadura franquista, a partir do permiso concedido polo Goberno de Mariano Rajoy que rescataba a concesión industrial  prorrogando a mesma ata o ano 2073.

Aquí paz, e no ceo chourizos, dicía Ventura Novo, secretario da Irmandade e a Cooperativa de Gandeiros e Labradores de Ribeira.

A recente sentencia do alto tribunal outorga un importante respiro á empresa e os seus traballadores, así como aos propietarios das moitas terras de monte nas que se eliminaron árbores autóctonas  para prantar eucaliptos, especie que medra e se fai comercial en pouco tempo, que non necesita na práctica de atención, que se autorreproduce, etc, a cambio de absorber da terra litros e máis litros de auga durante o seu tempo de vida.

Pero non pasa nada: ENCE investirá 125 millóns de euros na súa nova pranta das Pontes (de produción de fibra reciclada a partir do cartón e o papel recuperados e de celulosa virxe producida pola propia empresa das Pontes) e outros 130 millóns  na de Pontevedra “para seguir operando cos mellores estándares de calidade e sustentabilidade”.

A maior abundamento, ENCE asegura que a súa biofábrica de Pontevedra produce pasta de papel libre de cloro e enerxía a partir de biomasa forestal”. A madeira que emprega, dí asimesmo, está producida maiormente en cultivos forestais galegos. E a maior produción  de materia de papel distribúese fóra de España.

Todos tranquilos, polo tanto. A ver por canto tempo.

Outros artigos

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

“España”. Alberto Barciela

España se hace grande con lo aparentemente sencillo. Entonces deja de ser una Europa periférica que arrambla con esa idea de que el continente termina en los Pirineos, para reivindicarse como la tierra conquistadora, que acobijó a todas las culturas, que se embebió de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.