O PSOE de Noia emitiu un comunicado no que informa de que ten en preparación “unha resposta social e legal ao anuncio da autorización dos vertidos da Mina de San Finx”. O candidato á alcaldía de Noia, Fran Pérez, trasladou xa o seu apoio incondicional á Confraría De Pescadores San Bartolomé. Considera “alarmante” o anuncio emitido por Augas de Galicia o pasado mércores, no cal se autoriza á empresa Tungsten San Finx S.L., encargada da explotación da mina, a verter máis de millón e medio de litros de augas residuais que irán a parar á ría de Noia.

Os socialistas consideran que “isto pon en grave risco ao principal sector produtivo da zona, o marisqueiro, pero tamén a tantos outros que dependen directa ou indirectamente del”.
“As consecuencias poden ser catastróficas” – indicou Fran Pérez– “e non podemos xogarnos desta forma a vida e a economía do noso Concello”. O candidato aos próximos comicios locais xa trasladou ás asociacións ecoloxistas a súa posición, e púxose en contacto ca Confraría de Pescadores para trasladarlle o seu “apoio rotundo e incondicional na preparación da resposta a esta autorización”.
Ao mesmo tempo, e acompañando as medidas adoptadas pola Confraría, o candidato socialista indicou que “estamos a estudar unha resposta non só social, senón legal a este atentado ecolóxico” engadindo que “debemos facer todo o posíbel para que estes vertidos non cheguen a producirse”.
Amais, o dirixente socialista instou ao alcalde de Noia a posicionarse canto antes contra esta autorización, así como a exercer a súa responsabilidade e encabezar a campaña contra os vertidos. “A obriga dun alcalde é a de poñer os intereses da cidadanía de Noia por riba das directrices e dos intereses do partido” – afirmou – “cuestión que eu me comprometo a facer”.



