Os empresarios de Ribeira saúdan os avances no novo polígono pero lamentan o previsíbel aumento dos custes das parcelas

26 Xaneiro 2023

A Asociación de Empresarios de Ribeira presentou un novo comunicado referente ao proxecto de creación do novo polígono industrial do municipio e o estado de desenvolvemento no que se atopa o mesmo. Segundo informou a patronal a través do seu presidente, Francisco Martínez Gude, as conversas mantidas con regularidade co Concello poñen de manifesto “que a parte administrativa está practicamente concluída” e que “xa pasamos á exposición pública da fase de urbanismo do polígono”.

Esta fase, explican, ten uns períodos de tempo legais e imperativos de exposición e posteriores posíbeis alegacións, e unha vez acabado este prazo, xa se poderán comezar in situ as obras propiamente ditas. Neste punto, o Concello manifestou que “se todo transcorre normalmente sen máis atrancos e imprevistos os traballos poderían comezar cara ao terceiro trimestre do ano en curso ou na súa falta o cuarto”. A respecto disto, a patronal saúda que “finalmente somos quen de ver a luz á saída do túnel burocrático que tanto tempo consumiu” en relación ao proxecto do tan ansiado polígono.

Isto no que se refire á vertente positiva. No lado negativo, a patronal reflicte que se lle comunicou que o prezo estimado do metro cadrado de terreo desgraciadamente non vai ser de 50€, “tal e como sempre se barallou”, pois “a suba de custos de materiais, man de obra, etc, e a tan cacarexada inflación, fan que a estas alturas se baralle o prezo de 70€ m”.

E engade a asociación: “Ante este xerro de auga fría, pois sabemos o que repercutirá na economía das pequenas e grandes empresas que poidan estar interesadas, manifestamos que imos mover todos os resortes ao noso alcance para a través de xestións coa Xunta lograr que este prezo sexa abarato e se achegue o máximo ao prezo inicial. Para iso, pediremos ás administracións que se impliquen e que así como outros polígonos que son de promoción pública están subvencionados, este que non lle custa un duro ata día de hoxe, sexa beneficiado polas axudas autonómicas, estatais ou europeas a que haxa lugar, ou na súa falta algún tipo de subvención a modo de financiamento a prezo cero ou custo moi baixo mediante rebaixa dos tipos de xuro dos créditos que sexan precisos para a compra das parcelas”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.