Críticas en Ribeira polo estado de degradación no que se atopa Coroso e o seu paseo

23 Xaneiro 2023

O lixo mariño enche as nosas praias. A praia de Coroso, un dos principais espazos de lecer da cidadanía de Ribeira, non é unha excepción a esta tónica, situación que ten motivado o malestar e a preocupación da veciñanza de Ribeira. Estas queiras veñen de ser recollidas polo Grupo Municipal Partido Barbanza Independente (PBBI), que, a través do seu voceiro Vicente Mariño de Bricio, emitiu unha moción para ser debatida en pleno na que se require ao Concello poñer freo a este problema ambiental.

Segundo fai saber a agrupación, “o referido paseo litoral é moi concorrido tanto por cidadáns ribeirenses, en xeral, como por estudantes que se dirixen andando aos centros educativos da zona ou para regresar aos seus fogares, e tamén por turistas, que están moi molestos por ter que lidar acotío cos fedores e pestilencias que desprende o río Grande”. E engaden: “Desde o PBBI consideramos que ese río necesita unha limpeza profunda e exhaustiva, xa que desde a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira pódese percibir ese mal cheiro provocado polas augas negras e estancadas, os excrementos e diferentes residuos”.

Unha neveira nas dunas da praia, de alto valor ecolóxico entre outras cousas por servir de aniñamento ás píllaras, especie protexida

O grupo que dirixe Mariño de Bricio critica que “non se trata dun problema novo, xa que durante o verán rexistráronse varias queixas de cidadáns que denunciaron o estado de deixamento do río Grande, provocando que esa zona do areal urbano da capital barbancesa estivese baleira”.

A xuízo do grupo, “esta zona evidencia un estado de manifesto abandono, sobre todo a principios de setembro cando se van os turistas. Nese momento, acábase todo. Non hai equipo de socorrismo, quítanse os baños e duchas, termínanse os mantementos e as limpezas e recollidas de residuos e os cidadáns deben velar pola súa propia seguridade”.

O grupo tamén pon o foco nos aspectos ambientais, facendo fincapé na importante presenza de residuos que se concentran na praia: “Ao longo da praia atópanse múltiples plásticos, latas e diferentes residuos, incluso unha neveira. É por iso que sería conveniente levar a cabo unha nova campaña ambiental instalando colectores de refugallos mariños en todas as praias do municipio e non só en Catro-Catía, A Ladeira e Coroso. Este proxecto sería a punta de lanza para manter limpas as praias, ademais de fomentar a reciclaxe entre a cidadanía”, explican.

En virtude de todo o exposto, o grupo municipal do Partido Barbanza Independente (PBBI) insta o pleno da Corporación municipal de Ribeira á adopción dos seguintes acordos:

1 – Instar o Concello de Ribeira a realizar labores de acondicionamento e limpeza profunda para manter en bo estado o río Grande de Coroso.

2 – Instar o Concello de Ribeira a recoller todos os residuos e refugallos de diferente índole que se atopan tanto no paseo marítimo como na praia de Coroso.

3 – Instar o Concello de Ribeira á colocación de colectores de refugallos mariños en todas as praias do municipio, fomentando a reciclaxe e axudando a manter limpos todos os areais.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.