“Os Reis Magos chegaron, viron, repartiron e dixeron adeus”. Antón Luaces

07 Xaneiro 2023

Ben sei que non resulta doado crélo, pero son moitos os barbanzáns que afirman que, na mencida do venres, viron como dende o Iroite á Curota, a comitiva que acompañaba a Melchor, Gaspar e Baltasar se dividía para embarcaren os seus integrantes con presa evidente uns pola zona de Cabo de Cruz, e outros directamente na Illa dos Ratos. Senllas embarcacións -moi chamativas polo seu velame e as cores de gallardetes e bandeirolas- agardaban a pé de praia e rochas a que embarcara o

último garda real para, unha vez este a bordo, comezar unha nova singradura cara Oriente.

Non sei  se foi unha visión, un invento ou unha realidade salpimentada con música da armónica “Seductora” de Manolo Chinclán (que este facía soar con pouco ou ningún xeito na taberna de Arestín na calexa de Correos, en Ribeira), pero Ventura Millet, que tivera un racú en Aguiño, asegurou que fora verdade e que el mesmo vira como, ao sair da illa dos Ratos, o viraventos do bergantín-goleta semellaba tolo xirando e xirando cando na realidade nen miga de vento había.

Nestas fixeron acto de presencia Melchor,  Gaspar e Baltasar a lombos de cadanseu xigantesco cabaliño de mar, procedentes da Ínsua (onde supostamente terían descansado un chisco) e puxeron orde e concerto naquel balbordo.

Con rouca voz de mando (ao dicir de Ventura Millet) “non sei se con remo de couso ou co de mea, pero sei que se puxeron en marcha e de seguido despregaron velas cara a boca da ría“ navegando -case que voando- ambos os bergantíns-goletas, para se perder as súas siluetas alí onde o mar e o ceo se misturan e confunden. Cando os navíos desapareceron fixeron acto de presencia nos cons da Ínsua dous corvos mariños.

“Coa velocidade que desenvolvían malia a carencia de vento, os navíos perdéronse de vista nun instante”, contoume Bernardo Saíñas, dorneiro de sona e home non dado a contos. “Non sei a que país irían, mais non  dubido que levan xa unhas horas nos seus respectivos pazos. Nunca tal vira, meu fillo”, rematou Saiñas.

Na ría quedou o ronsel dos dous bergantíns-goletas e un  son de galdaprazos que ecoaba no cabo Corrubedo. Ao pé do faro deste mítico cabo de todos os ventos, unha fermosa muller dirixía a lanterna nun intento de alumar un mar escuro, tamén rouco, que daba un longo adeus a tres reis e mais de douscentos “mouros” lanza en ristre, nun  soberbio e cerimonioso ritual de despedida ata xaneiro de 2024, cando o xurelo abunde, a xarda pete na boca da ría e a sardiña comece en xuño a pingar o pan, sinal de abundancia e de que a Comisión de Pesca da UE tivo tempo de aprender que non  se pode pechar o Atlántico nororiental dende España a Noruega, porque así o queren Sinquevicius e os seus adlátares  ecoloxistas, máis dados a permitir que os mariñeiros de toda esa costa conten  o paso das orcas, un ermo mariño sen explicación.

Outros artigos

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

+

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

+

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...