“Con recendos de pandeghuevos recibía Ribeira aos Reis Magos” – Antón Luaces

04 Xaneiro 2023
Primeira cabalgata en Ribeira en 1957

Os fornos de Tomás (no Pombal), de  Charlín (no Cruceiro do Castelo), de Arestín (perto do Malecón),  de Llovo (fronte ao cine do Filipino) e de Sinda (perto da praza da Igrexa) eran, aló polos anos 50 e 60 do seculo pasado, os máximos referentes “panificadores” daquela Ribeira (en tempos Riveira) feita de fábricas de conservas, de armadores de barcos de pesca, de sucursais bancarias,  pequeno comercio (coas excepción do Prixelo e Sarasquete, que levaban como etiqueta distintiva o cualificativo de “Almacenes”, e os ultramarinos de Isauro, Jenaro e Domingos, e as ferreterías de Argimiro Moraña, Mariano Vidal, Pepito O Filipino e seu irmán Luis, este máis centrado na electricidade) e as ducias de bares e tabernas como o das Caseiras (a carón da Pedra Pateira), La Cuba, Casa Penín, Bar de Fernando, Villa, Parga, e unha longa listaxe na que, indirectamente, entraban as tres “fábricas” de gaseosa, os tres cines (Riveira e Rosalía, propiedade da familia Moraña, e o coñecido como o do “Filipino”, con tres sesións os festivos e unha nos días de diario).

Os domingos pola mañá facían a súa aparición perto da praza das legumes os cegos e as súas truculentas historias de crimes e secuestros relatadas como se facía cincuenta anos atrás (e moito antes)  e, unha ou dúas veces ao ano, as “compañías” de “titiriteiros” que se asentaban por semanas a carón da fonte de Bandourrío, o que a moitos nos permitiu coñecer a La Pequeña Pinki sentados en banquetas e tallos de madeira que vendía porta a porta o coñecido “Pepe el Muerto”, mestre carpinteiro que o mesmo chufaba un recolledor que un adminículo utilizado polas mulleres para asentar os nocellos cando fregaban o chan con lixivia e o “brus”, e paraba nas tascas a tomar o “chiquito” a saúde dos mortos da illa de Vionta antes de retornar á súa casa , no Rueiro.

Era aquela, indubidablemente, unha Ribeira moi distinta. Máis pequena e igualitaria, con edificios cuxas alturas máximas estaban establecidas polo edificio do Banco de La Coruña (posteriormente de Bilbao) e o denominado “rascacielos” de Padín (con catro andares). Pero tamén máis fermosa, pola que podías camiñar sen sobresaltos e ao sol (ou á choiva, segundo fose o tempo) sen as grandes sombras que agora se abaten sobre as rúas e as persoas desde alturas daquela impensables nos inmobles.

Era a Riveira que nos días de festa, especialmente nestas datas de Reis, arrecendía a roscón ou pandeghuevos desde o forno de Tomás xa citado, ao tamén sinalado de Sinda, pasando polo Obradoiro do Maricolo, a de Cuní, a da Cochona…. que proporcionaban á cidade un ambiente festivo que cadraba a todo deus, cos barcos fondeados ou atracados, as dornas varadas e fondeadas, e o “vapor” cruzando a ría desde Ribeira á illa de Arousa e Vilagarcía a primeira hora da mañá, para regresar polo mediodía e, a primeira hora da tarde, realizar novamente a travesía e retornar entre o lusco fusco cando xa estaban acesas as luces de neón do paseo do malecón e os farois do peirao, así como os faros de Rúa e A Ínsua, e a baliza do peirao acabado de alongar e carente de guindastres.

No local das xuventudes de Acción Católica e o Frente de Juventudes (posteriormente a OJE) exhibíanse motivos navideños, un enorme Belén con figuras de barro de gran tamaño, montañas feitas con cortizas, serraduras e carriza, os palacios de Herodes, a lagoa, os pastores e, obviamente, os Reis Magos sobre dous magníficos cabalos e un impresionante camelo, con San Xosé, a Virxe e o Neno Xesús nun alpendre marabillosamente alumeado por unha estrela que deitaba a súa luz no tellado da corte que acubillaba á familia, a burra e o boi e sobre o que tamén había un anxo anunciador.

Noutro lugar do primeiro andar do edificio de Xuventudes, os Reis ultimaban a súa vestimenta, ao igual que uns vinte ou máis mozos ribeirenses, con sabas, colchas e toallas e a faciana e as mans tisnadas preparaban as roupas de mouros e o percorrido a realizar coa colaboración da Garda Civil, que cedía tres cabalos de grande alzada sobre os que irían Melchor, Gaspar e Baltasar. Fachuzos acesos darían á cabalgada ese misterio que a cativada entre o público tanto agradecía, mentres os escaparates dos comercios e a libraría de Milagros chamaban a atención dos Reis nun tempo no que un ferrolán mandaba en España pola G. de Deus.

Como fose, os Reis chegaban. E ao día seguinte ao de Reis, as mulleres lavaban no río do Ameneiro as sabas e toallas tisnadas por xente que non pisarían unha outra vez as rúas de Ribeira ata o ano seguinte, con recendos de pandeghuevos e o lucerío rechamante dos comercios subministradores das regalías que os nenos recibirían na noite do cinco aos seis de xaneiro.

Marabillosa ilusión.

Outros artigos

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

+

“Xosé López, un premio Diego Bernal magistral”. Alberto Barciela

Le conocí en sus andanzas en La Voz de Galicia, le seguí en sus avatares en la Facultad de Comunicación de Santiago -en una carrera muy paralela a la de Margarita Ledo o Paco Campos-, colaboré con él de forma breve en sus trabajos para el Consello da Cultura galega,...

+

“El arte y la necesidad de pensar”. José Castro López

Ricardo de la Cierva publicó en los años ochenta el opúsculo titulado Cómo ampliar micultura. ¿Qué puedo hacer?, que escribió con el objetivo de ofrecer una guía prácticapara construir una cultura personal que no consiste solo en adquirir conocimientos, sinoen...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.