O Concello de Boiro está a levar nestas datas sinaladas dous puntos limpos móbiles ás distintas parroquias. O obxectivo é “achegar á veciñanza o servizo de reciclaxe de lixo co que conta o Concello no Polígono Industrial de Espiñeira”. Os dous puntos limpos móbiles dos que dispón o Concello atópanse ata o 31 de decembro en Escarabote e no núcleo de Pesqueira.

“Con esta iniciativa buscamos ampliar os servizos en materia de recollida de lixo dos que dispón o Concello, especialmente nesta época de Nadal na que se xeran numerosos residuos”, afirmou o concelleiro de Medio Ambiente, Raúl Treus.
Os puntos limpos da campaña Reciclaxe en movemento conteñen sete bocas de residuos para a recollida de lámpadas e fluorescentes, téxtil e roupa, xoguetes e outros plásticos que non se poden depositar no contedor amarelo, pilas e baterías, aceites e minerais… entre outros.
Cada un dos puntos limpos móbiles estará durante 15 días nun núcleo de poboación e irán rotando durante todo o ano.
Estes equipamentos sustentábeis do Concello de Boiro foron adquiridos mediante unha subvención da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, actuacións co-financiadas polo fondo europeo relativo ao mecanismo de recuperación e resiliencia da UE, financiado pola Unión Europea-Next GenerationUE.

Os puntos limpos móbiles só poden recibir residuos dos fogares particulares, non se aceptan residuos industriais ou que deberan ter unha xestión específica. O Concello de Boiro dispón dun punto limpo fixo no parque empresarial de Espiñeira aberto de martes a sábado en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. Para a recollida de enseres porta a porta é preciso facer unha solicitude previa no teléfono 981 83 89 08 ou no enderezo electrónico coregal.boiro@coregal.gal.
Máis información sobre os puntos limpos móbiles e as datas e emprazamentos nos que se van a atopar durante todo o ano dispoñíbel na web municipal (www.boiro.gal).



