“Non estaban todos os que son, pero eran todos os que estaban” – Antón Luaces

19 Decembro 2022

Alí os estaban. Con máis anos, con moitas novas experiencias emanadas do reencontro en terra con situacións que non se producían nin producen no mar -onde un perde a noción do que é ata que de novo te das de fociños con ela- cando, consecuencia da aplicación do sistema redutor de cotas de cotización á Seguridade Social podes coller a libreta de embarque, marchar á casa e xubilarte anticipadamente que é o que case que todo o mundo quere no mar, esgotada xa a capacidade de aguante nun oficio que, sendo duro entre os duros, moitas veces resulta inhumano. Ata mata. A súa vida é un portillo que fechas cando embarcas e só se abre para que o mar te leve alí onde as sabas son azuis, non brancas. Porque cando te vas xubilado ou morto -que son as únicas maneiras de se ir de todo do barco- o que se abre diante ti  é un espazo máis amplo co mar e coma este azul e un chisco así verde. Nada hai branco, como din é o que atopa o “terrestre” ao finar. Nin sequera dis ou pensas: “mamaíña” ou “miña naiciña”, non. Tragas auga, engules mar a litros, non sei con certeza se a  hectolitros. Tragas e vaste por onde tantos outros se foron. E todos os que saben disto estaban alí, en Coia, este sábado (dun Vigo cheo de coches e visitantes de lámpadas LED) respostando a unha cita que hai que cumprir mais que nunca, ou case que nunca, non se sabe cando exactamente. Algún coa compañeira de toda vida. A maioría, do ganchete das experiencias, ás alancadas polo corredor cara ó salón  Castelao, onde todos nos xuntamos após unha visita rápida aos corredores do Museo do Mar de Galicia, en Alcabre.

Sí, falo do mariñeiro, do traballador da pesca, patrón, capitán de pesca, xefe de máquinas ou simple mariñeiro de cuberta. Dese home que embarca sendo na práctica un rapazolo e se xubila cando moitos outros traballadores seguen a pé de obra; pero é que o de mar, ao igual que o da minería, avella máis, moito máis, que os traballadores doutros oficios en terra. O mar fai que cumpras dous anos cada seis meses. Digo eu se será o salitre ou as penurias de cada día, ou o ollar de fronte unha onda de sete ou oito metros de altura cando semella que ti estás no inferno, aló embaixo onde non hai imbornais nin calafates pero que sabes que por baixo de ti e o teu barco hai aínda moitos metros de fondo no que o barco pasa a ser un  pecio e ti, cunha pouca sorte, un morto. O pior é ser un desaparecido. Que incongruencia: ser un desaparecido, cando a realidade é que non estás.

Pois todos os que estaban en Coia-Vigo o sábado 17 de decembro de 2022, eran. Chamounos, unha outra vez, a súa organización: AETINAPE, que lles tributou homenaxe, recoñecemento, agarimo. Foi, coma sempre que se fai este acto, o dicir para adentro,  o falar entendendo: Pepe, Rosa, Xosé Manuel, Santiago, Xosé María, Chus, Bea, O Rivas, o Palme, as conexión co alén para mellor entender o que pasa ou non pasa, saber que carallo pasa para que a Comisión de Pesca invente vedas en 87 áreas  de augas europeas e os mariñeiros non podan pescar. E que alguén clarexe dunha puta vez que fai un eurocomisario lituano indo da man dos ecoloxistas inconclusos que teñen perdido un punto de mira que ninguén corrixe para converter o oficio de pescar no pesebre privado de quen non ten nada mellor que facer, actitude que tamén evidencia que descoñecen a fondura do mar no que non navegan porque o seu é o estanque do Retiro, en Madrid. Eles non  estiveron en Las Palmas, cando a policía cargaba sen miramentos contra os mariñeiros que reclamaban saídas válidas no caladoiro canario-sahariano. Tampouco cando os soldados marroquís lles roubaban o tabaco, os cartos e o güisqui; cando os polisarios  ameazaban; cando as patrulleiras irlandesas, británicas, francesas, canadenses, arxentinas, namibianas, mauritanas os apresaban e sancionaban porque si; cando os piratas os secuestraban no Golfo de Guinea, en Seychelles… e agora Sinkevicius e os medioambientalistas esquecen que houbo un “Estai” xunta outros arrastreiros-conxeladores que ensinaron a pescar conservando porque eles, os mariñeiros, son os máis interesados en ter reservas (gardar para cando non hai).

Sí, alí os estaban, en Coia, alentando polos que xa non irían nunca máis, con Manolo Bacallau cantando aquilo que todos cantamos cando algo nos preme ou nos roe na alma. Canto queda e canto se esquece. Pero o mar achica. E oi peixe vaise cara o norte, disque a causa do cambio climático, como pola cacarexada remuda laboral se van polo mar abaixo o presente e o futuro do mar que nos leva a outra dimensión.

Emoción sen contención a mancheas nos corredores de Coia. AETINAPE vive os seus primeiros 40 anos. Quen puidera convosco voar.

Outros artigos

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

+

“Xosé López, un premio Diego Bernal magistral”. Alberto Barciela

Le conocí en sus andanzas en La Voz de Galicia, le seguí en sus avatares en la Facultad de Comunicación de Santiago -en una carrera muy paralela a la de Margarita Ledo o Paco Campos-, colaboré con él de forma breve en sus trabajos para el Consello da Cultura galega,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El arte y la necesidad de pensar”. José Castro López

“El arte y la necesidad de pensar”. José Castro López

Ricardo de la Cierva publicó en los años ochenta el opúsculo titulado Cómo ampliar micultura. ¿Qué puedo hacer?, que escribió con el objetivo de ofrecer una guía prácticapara construir una cultura personal que no consiste solo en adquirir conocimientos, sinoen...

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.