Solo Empresarial do Atlántico (SEA), sociedade estatal dependente do Ministerio de Transportes a través de SEPES, ratificou este venres 16 de decembro a sinatura ante notaria da adxudicación de solo no Parque Empresarial de Muros á compañía do sector do arrastre Pescarías Velliño, que vai dispor de dúas parcelas que suman 1.760 metros cadrados. Trátase dunha operación pechada na modalidade de Dereito de Superficie, impulsada pola actual xerente de SEA, Beatriz Sestayo, para favorecer o acceso a solo empresarial.

Pescarías Velliño é un grupo empresarial vinculado ao sector do arrastre, con 40 traballadores e con actividade tanto en España como en Portugal. Prevé o inicio da construción da súa nova nave no Polígono de Muros en 2024, segundo explicaron os seus responsábeis.
Desde a empresa puxéronse de manifesto as boas condicións do sistema de Dereito de Superficie e avanzaron que a súa intención é continuar ampliando a súa actividade e adquirir a medio prazo as parcelas nas que se van a situar.
Beatriz Sestayo lembrou que as últimas adxudicacións en Muros, ás empresas Insuapesca e Trimar, realizáronse na dita modalidade e animou ás firmas investidoras a interesarse por “un sistema que favorece o inicio de actividade en condicións óptimas”. En concreto, dixo, as empresas poden instalarse sen necesidade de comprar as parcelas e abonando cantidades mensuais a SEA, a xeito de alugueiro con opción a compra. Poden optar por manterse neste sistema ata un máximo de tres décadas ou adquirir finalmente o solo, con descontos na cantidade abonada previamente.

Polígono Industrial de Muros nunha visita aérea do mesmo



